LIGA GALEGA DE RUGBI: FENDETESTAS MURALLA (19-22)
O Fendetestas volvía sufrir un serio revés coa derrota deste domingo no seu terreo de xogo de Monte Medulio diante do Muralla, de Lugo. 19- 22 foi o resultado final dun partido que deixa un pobre punto bonus ós ponteses, que son o equipo que máis puntos defensivos suma na liga, aínda que estes puntos pouca transcendencia teñan para unha clasificación na que perden outro posto e xa son cuartos pola cola.
A pesar de que as cousas comezaban mal, cun ensaio dos visitantes, que impuñan o seu dominio na dianteira, repúxose o Fendetestas, que puido irse ó descanso cun 12- 5. Na segunda metade, os lucenses botaron man do seu poderío en fases estáticas para manterse no choque, e primeiro igualaban 12- 12, para logo volver verse por detrás cun novo ensaio dos ponteses.
No tramos final deulle a volta ó partido o Muralla, cun ensaio e un golpe, aproveitando a superioridade numérica que lles deu unha expulsión temporal.
Con tan só tres puntos por detrás, o Fendetestas pechou ó seu rival na súa 22, pero foi vítima dos seus erros e acabou por perdoar en exceso.
Con todo, no último minuto dispuxo dun golpe centrado que tería suposto o empate, pero decidiron xogar á man, na busca do cuarto ensaio que lles dese a vitoria e o bonus ofensivo. A xogada acabou en avant, e na melé posterior, por primeira vez no partido, recuperaba balón o cadro verde, que volvía dispoñer de posesión. Repetiuse a historia e cometían un novo avant que deixou a vitoria do lado do Muralla.
Xogaron polo Fendetestas: Sergio, Lois, Moncho, Rayo, Darkas, Pablo, Gallardo, Miguel, Kiko, Antón, Robert, Toño, álvaro, Huesy, e MiniPaco. Entraron na segunda parte, Ledo e Diego.
O Fendetestas continúa cuarto pola cola. Lidera a categoría o Vigo con 89 puntos, seguido de Zalaeta de Arteixo (76,) Lalín (67), Mareantes de Pontevedra (58), Ferrol (54), Ourense (51), Muralla de Lugo (40), Santiago (30), Fendetestas (27), Crat A Coruña (21), Pontevedra (16) e Jabatos do Bierzo de Ponferrada (9).
Na vindeira xornada o club pontés xoga na casa do Vigo B.
Nova cortesía de Xose Cendán e A.F.