Amigus
As Pontes

Manifestación en Santiago dos colexios galegos afectados polos peches e traslados

Máis de 2.000 persoas concentráronse diante da consellería de educación en Compostela

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

Para sumarse á convocatoria en San Caetano doce autobuses con máis de seiscentos ponteses partiron a primeira hora da mañá de onte cara a Santiago. Os veciños ponteses non estiveron sós nesta concentración, xa que con eles ían preto de 150 camións do carbón, ademais do propio alcalde pontés, Valentín González Formoso, varios membros da corporación, representantes de partidos políticos e colectivos das Pontes. O comercio local pechou de 11:00 a 12:30 en solidariedade e apoio ós alumnos e profesores dos colexios afectados e ás súas familias.

Unha morea de consignas foron coreadas polos manifestantes, sendo maioría os das Pontes, estando tamén veciños de Outes, cuxo colexio Emilio Navasqüés tamén desaparece, representantes do CPI A Ribeira do Porriño, colexio Tomás de Lemos de Ribadavia e a Anpa do colexio de Calo.

Consignas como “non ó peche do Monte Caxado”, “non, non, non nos moverán”, “As Pontes unida xamais será vencida”, “se isto non se maña, caña, caña, caña”, “Román (polo conselleiro) demisión”, sendo unha das máis repetidas a de “a próxima visita será con dinamita”, en alusión a que continuarán as protestas, pese a que hoxe venres 30 finaliza o curso escolar.

A intensa chuvia foi a protagonista da manifestación, que, sen embargo, os concentrados tomaron como boa nova, xa que pese a ser incómoda nese momento, tomárona como necesaria logo de tanto tempo de seca.

Ó remate da manifestación a primeira en dirixirse ós presentes foi a representante do colexio de Outes, que entre outras cousas, dixo “Pechar o centro implica botar abaixo proxectos que iniciamos nos que se implicou a toda a comunidade e que están supoñendo que o proceso de ensino aprendizaxe sexa ilusionante, integrador e enriquecedor. Este centro ten unha previsión de matrícula, para o vindeiro curso, de 72 alumnos, superior ó actual. Non fomos alertados en ningún momento da posibilidade desta medida tan drástica” …. “Consideramos que non só por razóns pedagóxicas, senón tamén, porque para o alumnado este peche supón un desvinculamento do seu entorno social e afectivo, con consecuencias dolorosas e graves para o seu desenvolmento persoal” … “solicitamos que se considere ANULAR esta medida e que o CEIP Emilio Navasqüés siga en funcionamento” …..

Logo dirixiuse ós manifestantes unha alumna pontesa, quen logo de dar a benvida a todos, dixo “Vimos de distintos lugares pero cun obxectivo común: dicirlle ao Conselleiro e ao Presidente Da Xunta que nos opoñemos frontalmente ás decisións inxustas, precipitadas, sen argumentos e unilaterais que tomaron a semana pasada sobre as nosas vidas” …. “non toleramos este xeito de actuar da Consellería: rastreiro, polas costas, calculado ao milímetro para crear conflito”.

“Non teñen vergoña cando nos piden calma, cando apelan á nosa conciencia e a buscar o ben para os nosos fillos e fillas. Que se cren que estamos a facer ?, por que cren que chegamos hoxe ata as portas da Xunta ? . Os da Xunta son os reis dos eufemismos, do xogo suxo. Nestes días tivemos que escoitar perplexos argumentacións e declaracións cheas de mentiras, de oportunismo e baixeza moral”.

Continuou lendo o manifesto, “Non somos peóns de xadrez, que podan mover ao seu antollo. Somos comunidade viva e en loita. Estamos unidos señor conselleiro. Isto é o único que conseguiu: ternos a todos en contra da súa decisión. Mire se nos ten unidos que desde As Pontes viñeron con nós 150 camións do gremio do transporte do carbón, que nos acompañan de xeito incondicional. E o pequeno comercio está agora mesmo pechado como símbolo de protesta e apoio”. Neste intre os manifestantes irromperon nun forte aplauso.

“Para vostede os colexios son só meros nomes, edificios ou trámites administrativos. Poden abrilos, pechalos, extinguilos, refundilos ao seu antollo. Para nós os nosos colexios son lugares onde transita a vida do día a día, as cousas pequenas, tamén as importantes, onde todos poñemos o mellor de nós para construír presente e futuro”.

Rematou a súa intervención a estudante pontesa cun “Hoxe toca loitar. Temos toda a forza que nos dá a dignidade, a razón e o futuro que queremos. Aquí e agora dicímoslle, señor conselleiro, que a única solución é dar marcha atrás no decretazo do día 22 de xuño. NON AOS PECHES DOS COLEXIOS. NON AO PECHE DO MONTE CAXADO. NON Á REUNIFICACIÓN. NON AOS RECORTES NA EDUCACIÓN”.

Para remate dirixiron unhas palabras unhas palabras os representantes da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público.

Despois, cada quen tomou a viaxe de regreso cara á súa vila coa esperanza de que isto só fora un mal pesadelo, aínda que a realidade está aí, peche de colexios e sen volta atrás, feito con premeditación, nocturnidade e aleivosía por parte dos que tiñan que gobernar polo ben de todos.

As Pontes, 30 de xuño de 2017 (AF)

Nova cortesía de A.F.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios