En marcha o II Trail Mosteiro de Caaveiro

O Luns abriuse o prazo de inscrición, que conta xa con preto dun centenar de prazas cubertas

O II Trail do Mosteiro de Caaveiro ten por obxectivo divulgar o patrimonio arquitectónico, histórico e paisaxístico do concello da Capela, a través da práctica do deporte en contacto directo coa natureza. Celebrarase o domingo día 19 de Novembro entre as 9:00 e as 14:00 horas.

Tras o éxito da primeira edición na que a pesares das inclemencias do tempo 750 corredores se deron cita na Capela, ponse en marcha unha segunda edición cos mesmos percorridos e probas que tan boa valoración recibiron o ano pasado.

Os participantes poderán inscribirse en calquera das tres modalidades dispoñibles. Así, o trail longo terá un percorrido de 22 km, cun desnivel acumulado de 2400 metros e un trazado de auténtico rompepernas salpicado de pendentes, mentres que o trail curto terá un percorrido de 12 km, cun desnivel acumulado de 1400 metros e un trazado algo máis suave. Ámbolos dous con saída en As Neves, xunto a Casa Toñita, e chegada no Pavillón Polideportivo, á carón da piscina municipal. Para quen prefira desfrutar da experiencia de percorrer os sendeiros das Fragas do Eume sen competir, a organización ofrece unha terceira alternativa que consiste nunha andaina popular de 12 km, esta xa sen opción a trofeo.

O trail permitirá aos participantes adentrarse na frondosidade das Fragas do Eume e descubrir o Mosteiro de Caaveiro nunha estación, o Outono, de especial beleza paisaxística aínda que con máis dificultades técnicas para acometer as probas.

Serán dúas as categorías nas que se dividirán os dous percorridos puntuables: senior (de 18 a 44 anos) masculino e feminino, e veteranos (de 45 anos en diante) masculino e feminino, con premios para os tres primeiros clasificados de cada categoría.

As inscricións abríronse este pasado luns e dende entón son xa preto dun centenar os corredores que xa formalizaron a súa inscrición.

Os interesados poden ampliar a información no portal web do concello da Capela, en www.concellodacapela.es e inscribirse na páxina web https://championchipnorte.com/evento/detalle/id/1292/ii-trail-mosteirode-caaveiro. Para facilitar a participación de parellas e familias, a organización, que ao igual que o ano pasado está a cargo da empresa Eventi, habilitará tamén un servizo de gardería gratuíta para nenos e nenas de 3 a 12 anos.

O prazo de inscrición remata o día 13 de Novembro ou ao esgotar as prazas dispoñibles para cada proba, aínda que os que se inscriban antes do 30 de Outubro terán desconto especial.

También podría gustarte
Comentarios