MIGUEL ALVARIÑO E DANI CASTRO, CAMPIÓNS DE ESPAÑA EN SALA
Lograron o ouro na competición por equipos. Miguel tamén foi prata, e Dani cuarto, en individual
Esta fin de semana disputouse en Ibiza o Campionato de España en Sala. Cara aló desprazáronse tres representantes do Clube Sílex.
Na competición individual, nas tiradas previas, Maikel foi o mellor, con 587 puntos, dous máis que Pablo Acha. Dani foi sétimo con 570.
Nas roldas eliminatorias, Alvariño foise desfacendo sucesivamente de Mario Rico, de Castela A Mancha, 7-1 en dezaseisavos, apuradamente 6-4 en oitavos de final de Daniel García, de Castela León, e tamén 6-4 do madrileño Enrique Cavanillas en cuartos.
Pola súa banda Dani gañou 6-2 ao canario Manuel Mora, 6-4 ao balear Raúl Riera, e tivo unha vitoria de moito mérito por 6-0 nin máis nin menos que ante o castelán leonés Pablo Acha, o máis prometedor dos arqueiros estatais nos últimos tempos.
Alcanzaban por tanto os dous ponteses as semifinais. Alvariño vencía 6-0 ao madrileño Sergio Del Olmo, pero na final caía ante o seu compañeiro de selección, o catalán Miguel Ángel Pifarre, co que comezou perdendo 0-4 e quedouse sen máis sets por diante para poder remontar acabando cun axustado 4-6.
Por desgracia Dani caía na penúltima ronda ante Pifarre 7-3, e na loita polo bronce ante Del Olmo por 7-1.
Cristina Castro pola súa banda foi 24ª con 498 puntos, e na primeira eliminatoria caeu 6-0 ante Oceanía Morago, de Madrid.
Mellor lles foi ós ponteses na competición por equipos, xa que Miguel, Dani e Vicente Veira, do Arc-Teixo, foron os mellores nas tiradas previas, con 1728 puntos, dous por riba de Castela León.
Dada a súa condición de primeiros, quedaron exentos na primeira rolda, e na seguinte venceron por un apurado 5-4, con 30-29, nas frechas de desempate, á locataria Illas Baleares.
Xa na final, venceron con máis soltura, 5-1, a un bo combinado madrileño con Sergio Del Olmo, Enrique Cavanillas e Ken Sánchez.
Nova cortesía de Xose Ferreiro