Moción do grupo municipal do BNG de Vigo

E para completa-lo artigo ‘a cultura do idioma e o idioma da cultura’, publicamos estoutro artigo sobre a posición do concello de Vigo respecto ó idioma.


SR. ALCALDE PRESIDENTE DO CONCELLO DE VIGO
Dna Margarida Martíns Vilanova, en nome do Grupo Municipal do BNG, presenta esta moción para o seu debate e aprobación polo Pleno:
Exposición de motivos:
Fagamos un pouco de historia
O galego.deixou de ser língua exclusivamente oral e pasou a ocupar espazos do latin, escribíndose por primeira vez como língua normal da vida civil, administrativa e literária no 1172. Ao redor do 1190 adóptaa, a diócese de Tui, como a língua ordinária da sua documentación, e pouco despois do 1200 pasa a ser tamén língua administrativa e das cortes de Portugal e do reino de Galiza e León así como nas dióceses de Galiza e Portugal. É na corte compostelana e nas casas da nobreza, onde terá lugar o florescimento de toda a poesia trovadoresca, e de toda a nosa prosa literária medieval.
No século XV os Reis Católicos comezan o proceso que o cronista de Castela Zurita chamou doma y castración del reino de Galicia con decisións como as seguintes: crian na Galiza a Real Audiencia, organismo que combinaba aspeitos administrativos e xudiciais, póndoa en mans de persoas castellanas, así como outra institución uniformadora La Santa Hermandad; e ante a
resisténcia que provocan estes dous feitos , imponse o desprazamento da nobreza Galega a corte de Castela. A partir de 1514 desaparece todo resto de vida administrativa civil (notarial) en galego no reino da Galiza A partir da guerra da Independéncia , a língua galega que seguia a ser falada polo cento por cento do povo , comeza un proceso de recuperar espazos sociais e o seu vello brillo literário . Este proceso non deixou de ir a mais alcanzando a sua cimeira no período republicano.
Para Galiza a II República supuxo democracia e liberdade, e a posibilidade da autonomia; o seu Estatuto foi refrendado masivamente polo povo galego o 28 de xuño de 1936.
A guerra e a chegada da ditadura franquista foi a negación de calquer símbolo de liberdade e do libre pensamento asi como de calquer outro de cultivo e coidado da identidade galega comezando pola língua.
Iniciouse un periodo ditatorial que en palabras poéticas Celso Emilio Ferreiro chamou A Longa Noite de Pedra.
Como di o Profesor Paul Preston, na sua excelente biografia de Franco, él (Franco) foi duas cousas: un nacionalista furibundo español que só na língua castelá era capaz de conceber España, e un mestre no manexo do terror. Por outra banda o profesor Compostelano Ramon Maiz na sua tese de doutoramento, explica que na Galiza o nº dos asasinados chega a unha cifra situada entre os vintesete mil e os trinta mil. Ese terror foi especialmente virulento con todos aqueles que estaban ligados a reclamación das liberdades democráticas e nacionais galegas, por pór un exemplo: das 60 persoalidades que constituian a comisión pro estatuto galego, da que formaban parte persoas de diversas ideoloxias, desde católicos praticantes, pasando por republicanos e
socialistas até galeguistas, muitos deles alcaldes ou deputados, foron executadas 58, só se salvaron dous, e foi por non estaren na Galiza. Mas non vou a facer contaxe de toda a ignominia e terror que se derramou sobre a Galiza que só pode dar noxo, así que só un pequeno e ilustrativo exemplo da nosa cidade que nos conta Valentin Paz Andrade en Castelao na Luz e na Sombra , di:
en Vigo foron fusilados dous primos de Castelao, que non militaban en nengunha organización política, é di foronno por seren primos de Castelao e por usaren sempre o galego, duas cousas que aos ollos dos executores facianos especialmente perigosos.
Non foi pois por acaso, que a chegada da democracia e a recuperación das liberdades, fora unida a recuperación de usos e a dignificación da língua galega, para devolver ainda que sexa en pequena medida aquilo que o terror franquista esborrallou pola violéncia.
O Cadro legal da língua galega:
A Constitución Española do 78, como non podia ser menos no proceso de recuperación das liberdades democráticas, recoñece a pluralidade linguística de España e que as distintas línguas serán oficiais nos seus territórios de acordo cós estatutos de autonomia (3.2). E no artigo dous (2) recoñece o dereito a autonomia das nacionalidades e das rexións. Os Estatutos de autonomia, son parte posibilitada pola Constituición, título preliminar e título VIII, e a vez elementos que completan a Constitución gozando nos aspeitos que regulan, das mesmas características de
aquela, en palabras do Tribunal Constitucional -teñen unha situación mui especial no ordenamento xurídico, formando parte do entramado constitucional, e son a verdadeira carta de garantia das comunidades autónomas-. No ano 1981 mediante a Lei Orgánica 1/81 de 6 de Abril, apróbase o Estatuto deAutonomia da Galiza. O seu artigo 5 refirese ao recoñecemento dos dereitos lingüísticos dos galegos, neste artigo sinalase:
5.1- A Língua própria da Galiza é o Galego.
5.3- Os poderes públicos da Galiza garanten o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa,….
5.4- A non seren discriminados por causa de língua
No artg. 27, e dentro do título de competéncias, está a competéncia exclusiva nas seguintes matérias… no ponto 20: á promoción e ao ensino da língua galega.
Ainda que as duas línguas son oficiais o carácter de própria de unha delas, supón unha especial obriga como vén repetidamente sinalando a xurisprudéncia, do Tribunal Superior de Xustiza, e a do Tribunal Constitucional, en varias sentenzas sobre leis de normalización e especialmente na valoración que fai do termo própria na sua sentenza sobre a lei de uso do catalán.
En desenvolvemento desta competéncia estatutária, e de garantia dos dereitos linguísticos e democráticos dos cidadáns galegos no ano 1983 publicase a Lei 3/83 de Normalización lingüística (DOG.14.7.83). Nos artgs. 1º, 2º e 3º recollese in extenso o artg. 5 do Estatuto de
Autonomia, engadindo o dereito a actuar en galego ante os Tribunais
de Justiza.
No artg. 4.1 Declarase o galego como a língua oficial das instituicións da comunidade autónoma, da sua administracion, da administración local e das entidades públicas dependentes. No artg. 6.3 Fixa a obriga de promover os poderes públicos, o uso normal oral e escrito da língua galega como meio de relación cós cidadáns. No artg. 10.1 Fixa a toponímia em galego O artg. 11.1 Supón para a administración a obriga de capacitar o persoal da administración no coñecemento e domínio da língua galega.
A Lei 3/83 ten múltiple desenvolvemento regulamentar nos distintos ámbitos de actuación da administración e dos poderes públicos.
No Concello de Vigo ademais da aplicación directa de todas as leis e normas que nos competen, desenvolvemos a Ordenanza municipal en matéria de normalización linguística.
Temos outro importantísimo texto legal que pola sua especial releváncia vou a citar, dado que forma parte do noso ordenamento xurídico de conformidade ao disposto no artigo 96 da ConstitucióO 15 de setembro de 2001 publicouse no Boletín Oficial do Estado o instrumento de ratificación da Carta Europea das Línguas Rexionais ou minoritarias, feita en Estrasburgo o 5 de novembro de 1992. O Estado español declara expresamente no seu texto a sua promesa de dar cumprimento, observar e facer que se cumpra e garanta pontoalmente en todas as suas partes o texto ratificado, e declara, para os efeitos previstos nos artigos da Carta, que se entenden por linguas rexionais ou minoritarias do Estado español as línguas recoñecidas como oficiais nos Estatutos das Comunidades Autónomas do País Vasco, Catalunya, Illes Balears, Galiza, Valencia e Navarra. O Preámbulo da Carta Europea posúe un valor declarativo e hermenéutico de grande importancia ao permitir que, por primeira vez, o Estado español asuma de forma directa, respeito de
cada unha das línguas antes referidas, que o dereito á sua utilización na vida privada ou pública constitúe un dereito imprescritíbel de conformidade cos principios contidos no Pacto Internacional de Dereitos civís e políticos das Nacións Unidas, e de acordo co Convenio do Consello de Europa para a Protección dos Dereitos Humanos e das Liberdades Fundamentais. Tras unha magoante historia de persecución e marxinación das devanditas linguas, e dunha sobrevivencia lingüística lograda polo loita calada de milleiros de persoas que, a pesar da aberta hostilidade do poder, continuaron empregando a sua língua propria, o Estado español fai por primeira vez unha declaración, non só política senón xuridicamente vinculante, que situa o dereito ao uso da língua propria ao mesmo nivel que un dereito fundamental.
Neste téxto desenvólvense conceitos que están na Declaración Universal dos Dereitos Linguísticos, e en repetidos textos de xusrisprudéncia internacional.
Os dereitos linguísticos son un dereito fundamental, pero un dereito fundamental que se exerce colectivamente, tal como sinala a norma, fronte a prática tan frecuente en non poucos governos de recoñecer dereitos individuais e impedir socialmente o uso dos mesmos. É o dereito de falarmos, de ser atendidos, de receber información, de educarmonos, de desenvolver a nosa vida persoal plena na própria língua.
Os membros do corporación de Vigo somos autoridades, comezando polo seu alcalde e os membros dos grupos políticos que asumen o papel municipal governante, e independentemente do noso dereito individual, que ninguén cuestiona, a expresarmonos na língua que estimemos mais conveniente das entre mais de mil cincocentas que hai no planeta, temos unha obriga, que como vimos ven ligada a recuperación das liberdades e dos dereitos cívicos, que é garantir os dereitos linguísticos dos cidadáns e das cidadás galegas, e a obriga legal de promover, defender, e impulsar a língua própria de Galiza.
Como vimos, aquí o polinómio das liberdades tiña en todos os casos como denominador común o respeito e a promoción da língua galega , así o veu entendendo en boa medida o lexislador e así o veu apreciando de forma unánime a corporación viguesa, desde a primeira das corporacións democráticas: todos os alcaldes que teñen tido entre as suas máns a vara do governo desta
cidade, independetemente da sua ideoloxia ou do seu partido de pertenza teñen tido un compromiso democrático que os honra coa recuperación e dignificación da língua galega,
Por todo o exposto sometese ao pleno da corporación municipal a adopción dos seguintes:
ACORDOS
1- O Pleno do Concello manifesta o seu compromiso con a extensión social do uso do galego é a recuperación de ámbitos e usos para o mesmo, tanto no ámbito cidadán como da administración e entidades dependentes do Concello.
2- O Pleno do Concello insta ao Alcalde Presidente do mesmo, ao cumprimento da ordenanza municipal de normalización líinguística, e a dar exemplo cívico no compromiso coas normas legais a prol da língua galega, adoptando unha actitude firme de defensa da mesma, aperfeizoando e profundizando nas liñas que nesta matéria honraron a todos os seus predecesores democráticos.
Vigo a 12 de Setembro de 2003
Margarida Martíns Vilanova, Concelleira de Festas e Animación Socio-cultural
Cortesía de Isabel Rei

También podría gustarte
Comentarios