Máis empregos e chan industrial

[La Voz de Galicia] A creación de novos postos de traballo é o principal obxectivo que se marcan os líderes das tres opcións políticas que concorrerán ás eleccións municipais en As Pontes, un municipio eminentemente industrial que se prepara para o peche da mina de Endesa. Así o puxeron de manifesto os candidatos nun debate organizado por Radio Voz Ferrol no que participaron en persoa Juan Pico (PP) e Valentín González (PSOE) e o rexedor e aspirante do BNG, Víctor Guerreiro, por teléfono.


Entre as fórmulas que aportaron os aspirantes á alcaldía foron a ampliación dos polígonos industriais e a captación de novos proxectos empresariais que creen máis postos de traballo. Máis emprego para os operarios das compañías auxiliares da mina de Endesa, que pechará en decembro, e para o resto de desempregados da vila.
Guerreiro apostou por apoiar aos emprendedores e por facilitar o asentamento de industrias. Neste senso, o candidato criticou á Consellería de Medio Ambiente por paralizar durante dous anos o proxecto da mina de andalucita, que crearía varias decenas de postos de traballo.
Pico apostou por constituír unha mesa sectorial entre sindicatos e empresarios para analizar as necesidades do mercado laboral e cubrilas. González mostrouse partidario de ampliar os parques para facilitar o asentamento de industrias pesadas.
Os candidatos coincidiron tamén en que o desenvolvemento de As Pontes pasa pola aplicación dun plan de urbanismo que ordene o crecemento do municipio, pola depuración das augas residuais -o Concello está en conversas con Augas de Galicia e Endesa para resolver este problema- e por seguir mellorando as infraestruturas de comunicación.

También podría gustarte
Comentarios