NEVADA EN AS PONTES
Este outono e inverno estamos a ter de todo, temporais de vento, de chuvia -está a ser un inverno dos máis chuviosos nos últimos anos-, frío e algunha que outra xeada.
O único fenómeno que faltaba por chegar era a neve. Pero, aínda que en días pasados nevou nas montañas dos arredores, non chegara ó propio val do Eume, onde se asenta a vila de As Pontes. E esta pasada madrugada, a menos de dez días de que comece a primavera, nevou con intensidade dende a medianoite e ó amencer os veciños de As Pontes atopáronse cun manto branco que cubría a vila, situada a 340 metros sobre o nivel do mar, sendo máis forte nas zonas montañosas, como o monte da Carballeira (677 m.) e o Monte do Caxado (757 m.), que apareceron cunha neve en po de case dez centímetros de espesor.
É raro que cada ano non haxa días de neve, como veu sucedendo nos últimos anos. Sen embargo, unha das máis grandes tivo lugar xustamente hai trinta anos. Pasou en 1983, e a nevada foi tan intensa que durou máis de dez días, incluso chegou a nevar en cidades e vilas costeiras, como en Gijón, onde un se atopaba aquel ano.
Naquel mes de febreiro, concretamente o domingo 13, é lembrado polos ponteses, pois foi cando se derrubou o pavillón municipal da Fraga, debido ó peso da neve. A Feira do Grelo, que ía pola súa terceira edición, houbo que aprazala ese domingo e máis o seguinte, celebrándose definitivamente o día 27 do mesmo mes.
É bo que tódolos anos haxa nevadas. É bo para o campo. O refrán castelán xo di: Año de nieves, año de bienes. Esperemos que se cumpra.
As Pontes, 13 de Marzo de 2013
Nova cortesía de A.F.