Nicolás Vázquez recibe o cariño dos músicos da vila das Pontes

[Diario de Ferrol] Nicolás Vázquez Vivero, 76 anos, de Xermade pero veciño das Pontes, comezou a tocar moi novo na orquestra Ramil e, no tempo que lle deixaba o traballo, deulle ó contrabaixo, ó violín, ó trombón e, nas últimas décadas, ó bombardino. Venecia, Puentes ou Los Dandys foron algunhas das formacións polas que pasou, para despois integrarse na coral de Endesa ou na banda municipal das Pontes. Hoxe segue gozando do directo coa charanga Os Charangos e ten o recoñecemento cheo de agarimo de todos quen viñeron detrás, seguindo a estela destes heroes. E así quedou demostrado na homenaxe que as agrupacións musicais pontesas que forman a asociación Ruada lle rendeu onte no cine Alovi, como acto central do festival de Santa Icía.


As actividades desta festa comezaron pola mañá coa actuación de Muxarega no Mercado, e continuaron no Alovi coa homenaxe e as actuacións das Cantereiras de Alende, a banda de gaitas Alfaia, a banda xuvenil e a banda de música das Pontes. Despois houbo unha cea-baile na que tampouco faltou a música en directo, con Xente Nova.
Os actos para festexar Santa Icía (patroa da música), que comezaron o 8 de novembro, continúan aínda hoxe e durante esta semana. Esta mañá, ás 10.30 horas, hai unha misa en Ribadeume, seguida por unha ofrenda floral no monumento na honra dos músicos ponteses alí instalado. Actuarán o grupo infantil de baile Alende e Canavella. Xa pola tarde, no local da asociación veciñal, Berros do Castro presentará cancións e fotografías de grupos de música das últimas décadas, dentro do seu proxecto divulgativo “Unha imaxe, unha melodía, un recordo”.
O martes 26, no cine Alovi, ás oito da tarde, os alumnos de percusión moderna das escolas de cultura representan o espectáculo “Latexos 2013”. Como remate, o xoves o colectivo de gaiteiros organiza unha foliada no Lar de Endesa, ás 22.30 horas, na que participarán Reventa Foles de Ortigueira, Mollando a Palleta de Miño, Canavella e María coa súa zanfona.

También podría gustarte
Comentarios