Nota de prensa XPAP: Máis de 2600 sinaturas pola mellora da sanidade pública en As Pontes

Na mañá de hoxe, 8 de novembro, membros da plataforma veciñal Xunt@s por As Pontes achegáronse ata Ferrol para facer entrega ao responsable da Xerencia Integrada das 2.661 sinaturas recollidas durante os últimos días para a reclamación de melloras no centro de saúde local.

Máis de 2.600 sinaturas que amosan o malestar da veciñanza do noso concello en relación coa atención no centro sanitario. Entre as demandas: dotación de profesionais suficientes para unha boa atención aos pacientes, reducción das listas de agarda, reposición das baixas, un pediatra a tempo completo e que se inicie a xestión para unha segunda praza de pediatría. Tamén, as melloras do inmoble, destacando a reparación da cuberta.

Dende esta plataforma queremos agradecer a todos os veciños e veciñas de As Pontes a súa colaboración tanto na recollida de sinaturas coma nas concentracións que se levaron a cabo nas últimas semanas.

Seguimos animando a toda a veciñanza a presentar reclamacións no Punto de Atención ao Paciente por cada vez que se demoran as citas, que non se recibe unha atención axeitada, que faltan médicos, que non se presta o servizo de forma adecuada, que falta o pediatra, que non funciona ben o servizo de farmacia ou a atención a domicilio, etc. Estas queixas son esenciais á hora de reclamar melloras para o centro de saúde local.

A sanidade é un servizo esencial e básico que nos afecta a todas. Non podemos permitir que nos sigan recortando os nosos dereitos, e segundo se desprende dos orzamentos da Xunta e do Estado para o 2018, ésta será a tónica dos gobernos do PP. A consecuencia clara e evidente destas políticas é o favorecemento implícito dos sectores privados. A nosa localidade é un caso especial, se cabe aínda máis grave, pois hai que engadir a falta dun transporte público de calidade que conecte a nosa vila co centro sanitario de referencia en Ferrol. Se loitamos xuntas, conseguiremos dotar á nosa vila dun servizo sanitario público de calidade.

Máis información en www.xuntosporaspontes.com

También podría gustarte
Comentarios