Nota de prensa XPAP: Xunt@s por As Pontes alerta dunha vertedura de gasoil no rio do Brixeo

A pesares de que as autoridades locais teñen coñecemento deste feito, aínda non se puxo solución ao problema.

As verteduras de substancias contaminantes no río do Brixeo sucédense nas últimas semanas.

O feito é de especial gravidade pois este regato desemboca no río Eume e pode causar danos ecolóxicos irreversibles.

A pesares de que as autoridades locais teñen coñecemento deste feito, aínda non se puxo solución ao problema.

Xunt@s por As Pontes quere facer público o estado no que se atopa o Río Brixeo ao seu paso polo centro da vila das Pontes. Como se pode apreciar na fotografía, o río vai cheo de manchas de gasóleo e desprende un cheiro considerable ao mesmo, o que pon en evidencia que a proporción de contaminación na auga é moi alta.

Atendendo ás informacións que recibimos de varios veciños, a presencia destas substancias contaminantes sucédese ao longo dos últimos días e proceden, ao parecer, dunha vertedura de gasóleo á altura do CEIP Monte Caxado. A pesares de que as autoridades locais teñen coñecemento deste feito, á data de hoxe aínda non se tomaron as medidas axeitadas para a súa solución.

A fotografía tomouse hoxe ás 12:00 horas na Avenida de Galicia, dende a ponte máis próxima ao Liceo, a escasos metros da desembocadura deste regato (tamén chamado Rego do Campo) no río Eume. A zona de Perfolla, onde se celebraba antigamente a festa da “Isla” e onde se atopan estas substancias contaminantes, é un lugar especialmente rico ecoloxicamente pois, ademais de todo o propio do río, alí aniñan e permanecen todo o ano infinidade e variedade de aves acuáticas salvaxes, polo que os danos ecolóxicos poden ser irreversibles.

Xunt@s por As Pontes, vendo que non se resolve este problema, ven de denuncialo ante o Seprona e pon en coñecemento de toda a veciñanza esta grave agresión ao medio co fin de que se tomen as medidas adecuadas para resolver definitivamente o problema.

As Pontes, 2 de febreiro de 2017

También podría gustarte
Comentarios