Nota de Prensa BNG: BLANCO PARGA APUNTA NO PARLAMENTO QUE O RÍO CHAMOSELO REXISTROU ESTE MES UNHA ACIDEZ MIL VECES SUPERIOR AOS SEUS VALORES HISTÓRICOS

O conselleiro responde ao BNG que descoñece o informe encargado en maio de 2007 polo concello das Pontes sobre os ríos Eume e Chamoselo e asegura que nunca lle foi remitido
Santiago de Compostela, 30 Setembro 08.- O deputado do BNG Fernando Blanco Parga vén de explicar no pleno do Parlamento que o nivel de PH do río Chamoselo na medición realizada o pasado 8 de setembro era de 3.05 na ponte Romana e de 3.07 na desembocadura, isto é, “mil veces máis ácida que os seus valores históricos”.


O parlamentar nacionalista reclamou que “se actúe rapidamente onde está o problema” para afrontar esta situación, “hai que selar os taludes” ubicados na zona para evitar que estas augas con elevadísimo nivel de acidez cheguen ao río Eume.
O deputado do BNG indicou que o nivel crítico da acidez “non pode ser produto da natureza, débese ás obras da autovía”.
Blanco Parga aludíu, máis unha vez, á existencia dun informe elaborado por un laboratorio a instancias do concello das Pontes en maio de 2007 e lembrou que a pasada semana o BNG xa perguntou polos dados deste informe –referido aos ríos Eume e Chamoselo- ao director de Augas de Galiza sen obter resposta algunha.
Os dados recollidos nesa data son claros, “en maio de 2007, os niveis do PH nos distintos pontos de medición era do 5.92, 4.12 e 4.93”, o que evidenciaba o seu estado precario xa na primavera do ano pasado.
“Están a atacar os síntomas, o problema está no río Chamoselo”
O deputado nacionalista reclamou os dados que a empresa Endesa debe aportar –en función da autorización ambiental integrada concedida á empresa- das súas medicións do nivel de acidez das augas diariamente e informou de que o peche da mina das Pontes fixo desaparecer o “elemento corrector da acidez das augas do Chamoselo xa non existe”.
Ante a resposta do Conselleiro de Medio Ambiente, que asegurou descoñcer a existencia do informe elaborado a instancias do concello pontés, Blanco Parga lembrou que o goberno municipal ten manifestado en diversos plenos da corporación municipal que o informe xa se tiña remitido á Consellaría e informaron tamén da apertura dun expediente, por parte do goberno, en resposta aos dados que se aportaban.
Blanco Parga asegurou que o dispositivo de corrección da situación organizado por Sogarisa no río Eume “é correcto, mais con el atacamos os síntomas, pero non o lugar onde reside o problema, que é o río Chamoselo”, ao tempo que reiterou a necesidade de selar os taludes e asegurou que o dispositivo organizado neste río “non se está a facer con criterio técnico”.

También podría gustarte
Comentarios