Nota de Prensa BNG : PLAN E 2010: O BNG FAI AS SÚAS APORTACIÓNS

Os ámbitos de actuación son o patrimonial, deportivo, o ensino, e o urbanístico.
O BNG ven de rexistrar as súas propostas de actuación a incluír no novo Plan E, mediante un escrito dirixido ao Alcalde que xa foi presentado ao resto de grupos políticos nunha xunta na que participou o voceiro Ramón Gato.
As propostas estructúranse en catro planos: aproveitamento dos recursos propios, actuacións nas instalacións deportivas, mellora dos centros de ensino, e remate de rúas no casco urbano; neles inclúense quer obras de nova execución, de conservación e mantemento, ou de remodelación de equipamentos xa existentes.
O BNG propón ao goberno municipal actuar no muíño da Presa de Alende e na central de Prieto para recuperar os seus usos tradicionais de moenda e de producción de enerxía eléctrica, co que se integrarían no Parque Temático da Enerxía e no paseo do Eume, plans do ámbito turístico iniciados polo BNG no seu goberno; tamén propón a formación nacionalista a posta en valor da fonte das Boliqueiras e dos recursos arqueolóxicos.
No relativo ao urbanismo, o BNG suxire o remate de todas as rúas previstas nas actuais normas subsidiarias, que representan un 3,55% do total do solo urbano residencial, e que representarían un incentivo no sector da construcción, posibilitando cubrir a demanda de vivenda unifamiliar illada existente.
Para o BNG tamén se deberían incluír outras demandas como a remodelación das pistas de tenis da Canle IV, as das instalacións deportivas das Veigas coa inclusión dun campo de herba artificial, a creación de novas infraestructuras semi-cubertas para a práctica de deportes non regulados, ou a reparación do pavillón do IES Moncho Valcarce, entre outras.
Asemblea Local do BNG das Pontes, xaneiro de 2010.

También podría gustarte
Comentarios