Nota de prensa BNG: OS LOCAIS DE ENSAIO E GRAVACIÓN DAS PONTES TERÁN QUE ESPERAR DE NOVO.

O BNG tentaba, unha vez máis, dar resposta acaída ás inquedanzas musicais da súa veciñanza, crear un marco permanente de comunicación e colaboración, fomentar e potenciar a creación e formación de grupos musicais, e ter unha plataforma de difusión cultural propia, para o que é obrigado dispor duns locais perfectamente acondicionados e cos medios necesarios.


A proposta nacionalista, concretada nunha moción, presentábase no Pleno do xoves, e foi rexeitada polo chamado “voto de calidade” do Alcalde, ao ter os mesmos votos a favor (BNG) que en contra (PSOE), e coa medida, premeditada e acordada abstención –unha vez máis- do PP.
O acordo que pretendía o BNG era actualizar o proxecto do ano 2007 de acondicionamento do Conservatorio –nomeadamente a súa “torre” central- para salas de ensaio e gravación, e proceder á súa contratación. O Concello debería asumir na súa totalidade o orzamento ao terse perdida a subvención de 150.000€ (cuantía igual á das grandes cidades) que fora concedida pola entón Dirección Xeral de Xuventude ao goberno municipal do BNG.
Os argumentos do PSOE, compartidos polo PP, foron de peso: o Conservatorio non é o mellor lugar para os locais de ensaio (¿?), ademais de estar ocupados polos módulos de xardinería e albanelería do Obradorio de Emprego; o proxecto executarase pero noutro sitio, non se sabe cal –dentro dun mes e medio, dos do PSOE- xa nos chamarán.
O resultado final é o de sempre: euros perdidos (os da subvención e os do proxecto xa feito polo PSOE), gasto dobre (cando menos os do novo proxecto, no caso de facerse nun local municipal), e os músicos ponteses que xa en xuño de 2008, cunha entrega de sinaturas, reclamaban ao Alcalde, sen locais de ensaio.
As Pontes continuará fora da Rede Galega de Locais de Ensaio, na que están máis de 30 concellos como Fene, Ferrol e Mugardos. Esto non é un goberno, é unha brigada de demolicións de todo o que teña relación co BNG, custe o que custe.
As Pontes, 5 de xuño de 2010.
D. Ramón Gato Bañobre, na súa condición de portavoz do Grupo Político Municipal do BNG no Concello das Pontes, e na súa representación, presenta a seguinte
MOCIÓN SOBRE DOS LOCAIS DE ENSAIO E GRAVACIÓN.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS E ANTECEDENTES.

É suficientemente coñecida a relevancia que presentan os equipamentos socioculturais, dado o papel que cumpren en tanto que infraestruturas que serven de soporte físico para a dinamización da vida social e cultural do contorno no que se sitúan e canles que inciden na socialización, participación e expresión. Por outra banda, estes equipamentos desempeñan un papel relevante na potenciación de iniciativas e na interacción cultural.
Unha das manifestacións artísticas que máis dificultades atopa para o seu desenvolvemento é a creación musical, posto que para que se poida realizar esta actividade é necesario dispor dun lugar especialmente acondicionado onde poder ensaiar, establecementos preparados acusticamente e debidamente insonorizados.
Así o entendía -e entende- o BNG cando, atraveso da Dirección Xeral de Xuventude, dispoñía en febreiro de 2007 a creación da Rede Galega de Locais de Ensaio, cos seguintes obxectivos:
• dar unha resposta acaída ás inquedanzas musicais,
• crear un marco permanente de comunicación e colaboración,
• propiciar os medios necesarios para que a xuventude con inquedanzas musicais, ben individualmente ou ben formando grupos, en todo caso noveis, puideran contar con locais perfectamente acondicionados para os seus ensaios,
• fomentar e potenciar a creación e formación de grupos musicais,
• impulsar e promover unha estreita, permanente e enriquecedora cooperación entre os diferentes grupos,
• divulgar as actividades e iniciativas derivadas de cada unha das entidades,
• e ser unha plataforma de difusión cultural.
O investimento en 2007 e 2008 foi de preto de 2,6 M€, integrándose na Rede Galega os locais de ensaio de A Coruña, Allariz, Arzúa, Barco de Valdeorras, Betanzos, Boiro, Bueu, Cambre, Cangas, Carballo, Carral, Corcubión, Culleredo, Lalín, Melide, Monforte, Nigrán, Noia, O Carballiño, Ourense, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Ribas de Sil, Ribeira, Santiago, Sarria,Teo, Tui, Verín, Vigo, Vilagarcía, Viveiro, e en Ferrolterra Fene, Ferrol, Mugardos e Pontedeume.
Coa meritada cobertura legal, o goberno municipal nacionalista solicitaba e acadaba unha subvención da Dirección Xeral de Xuventude por importe de 150.000€ (cuantía igual á das grandes cidades) para a execución das obras consistentes en acondicionar os espazos libres do Conservatorio Municipal –nomeadamente a súa “torre” central- para locais de ensaio e gravación, segundo as condicións establecidas pola área autonómica, e que se reflectiron no correspondente proxecto xunto co resto de prescricións urbanísticas, incluíndo a accesibilidade; a previsión era que a finais de 2007 estivesen rematadas.
O actual goberno municipal do PSOE aprobaba en outubro de 2007 os pregos, o expediente de contratación e a apertura do procedemento de adxudicación cun gasto de 150.000€, expediente que resultou deserto.
En xuño de 2008, cunha entrega de sinaturas no rexistro municipal, os músicos ponteses reclamaban ao Alcalde uns locais de ensaio, dando saída ao proxecto anterior, reclamación que dous anos despois non tivo contestación.
Polo exposto con anterioridade, e coa mesma xustificación orixinal que a enunciada na solicitude de subvención de 2007, sométese á consideración do Pleno a aprobación do seguinte
ACORDO
Punto único.- O Concello comprométese a retomar o proxecto de acondicionamento do Conservatorio para salas de ensaio e gravación, iniciando o correspondente expediente de contratación no prazo máximo dun mes, previa actualización –técnica e económica, de ser o caso- da documentación existente.
As Pontes, 28 de maio de 2010
O PORTAVOZ DO GPM DO BNG
Asdo.: Ramón Gato Bañobre
SR. ALCALDE-PRESIDENTE DO CONCELLO DAS PONTES.

También podría gustarte
Comentarios