Nota de prensa BNG: AS PONTES: CAOS MUNICIPAL SOCIALISTA

O Pleno urxente convocado polo Alcalde para o venres celebrarase o martes.
A política municipal das Pontes ven de padecer outro capítulo máis de desorden e utilización partidista da institución pública protagonizado polo Alcalde socialista.
Despois dos dous Plenos da semana pasada, O Alcalde convocaba unha sesisón urxente para o venres na que se deberían tratar dous asuntos, que quedou nun só, logo da comisión informativa previa ao comprobarse a ausencia de informes técnicos e, polo tanto, a imposibilidade legal de debater sobre da situación urbanística do edificio no que está o Instituto de Promoción Económica Pontés en Penapurreira, edificio xa inaugurado e sen licenza, asunto que se demora dende hai varios anos.
O venres, cando ía ter lugar o Pleno, o Alcalde víuse obrigado a suspendelo pola imposibilidade, tamén legal, de tratar a aprobación dunha factura duns 105.000 € que fora retirada do Pleno da semana pasada.
Xa pola tarde, os membros da Corporación eran convocados, de novo, para un Pleno a celebrar o martes da próxima semana, no que o PSOE eo PP intentarán aprobar a “ditosa” factura, máis “afortunada” que outras máis antigas que, ao parecer, terán que esperar a un cambio de goberno.
O BNG quere denunciar a escandalosa actitude do goberno socialista para cumprir os seus compromisos partidistas, que constrasta co seu desinterés e pasividade para afrontar os problemas importantes das Pontes: os despidos en Galparket; as alternativas para LM, Aceriusa, Estracero, Acería, Acebrón, Lobelle, Auxiliares, …; os máis de 800 parados; as medidas municipais para a crise; o investimento dos máis de 4 M€ que ten o Concello na caixa, sen esperar ás municipais, o lago, o plan xeral de urbanismo; … Para iso si pode contar co BNG.
As Pontes, 11 de xuño de 2010
Asemblea Local do BNG

También podría gustarte
Comentarios