Nota de prensa BNG: A XUNTA INCUMPRE O SEU COMPROMISO E REDUCE A OFERTA FORMATIVA NAS PONTES

As xestións do Concello, iniciadas a instancia do IES Moncho Valcarce, resultan inútiles.
As Pontes, 2 de xullo de 2011.- O pasado 22 de xuño os grupos políticos municipais mantivemos unha reunión co director do IES Moncho Valcarce na que se acordaba solicitar unha reunión coa Consellería de Educación para tratar a supresión do ciclo superior de Laboratorio de Análise e Control de Calidade, oferta que se facía xunto con outros catro centros situados na Coruña, Santiago, Lugo e Vigo.


Os acordos aos que se chegou co Concello das Pontes no curso anterior, no que non se permitiu a oferta do primeiro curso, botáronse ao lixo e a Consellería suprime a única oferta de formación profesional superior do eido industrial da localidade. No contexto actual de desemprego é moi importante a formación do alumnado e, neste caso, a relevancia do ciclo formativo está acreditada polas empresas da zona e os técnicos de emprego dos concellos do contorno.
Xustifícase a decisión na falta de alumnado pero, como se pode saber se existen alumnos/as se non se deixa ofertar un ciclo que no curso pasado tivo listas de agarda de varios centos de persoas no conxunto do País? A austeridade tampouco pode ser una escusa, xa que a Consellaría e o Centro acometeron neste curso un importante investimento que agora quedará sen uso.
Os incumprimentos da Consellería de Educación amplíanse pola Xunta no relativo aos acordos do Plano de Desenvolvemento, no que se garantía dita oferta formativa nas Pontes. Que tipo de goberno incumpre sistematicamente os seus acordos?
A día de hoxe, e cando o 4 de xullo remata o prazo para a admisión do alumnado, nada se sabe da reunión e parece que a Xunta está demasiado ocupada desmantelando o ensino público na Comarca. Dende o BNG das Pontes solicitamos ao grupo de goberno municipal a convocatoria urxente dunha xunta de portavoces na que se propoñan novas medidas a tomar diante da negativa da Consellería a recibirnos.

También podría gustarte
Comentarios