O ESTEO FUTBOL SALA

Despois do valioso punto acadado na pista do Noia, o Esteo ten outra saída consecutiva un tanto difícil, no Barco de Valdeorras ante o Pizarras 3C.

Despois de tres derrotas seguidas, o conxunto pontés logrou o seu primeiro punto da tempada, na casa do Noia, o ata agora colíder e vixente campión de liga. Nesta quinta xornada viaxa a outra cancha un tanto complicada, á do conxunto pizarreiro do Barco de Valdeorras, que ocupa a sétima posición con cinco puntos. Nesta tempada, empatou na primeira xornada (5-5) na casa do Xove, perdeu na súa pista co Noia (3-4) e venceu na Coruña ó Ventorrillo por 2-5.

Pola súa banda, o Esteo, en posto de descenso cun só punto, perdeu as tres primeiras xornadas ante Guardo (4-5), Universidad de Valladolid (6-1) e Cuéllar Cojalba (1-2), empatando a un gol, como sinalamos antes, na casa do Noia, vixente campión de liga, e actual terceiro na clasificación a dous puntos do sorprendente líder Guardo, que a pasada campaña rematou na décima posición na clasificación final.

Nos enfrontamentos anteriores en pista valdeorresa entre os dous equipos o balance está igualado, con dúas vitorias para o conxunto pizarreiro e unha para o Esteo, rexistrándose dous empates, sempre en categoría nacional. En Primeira Nacional B, 7-7 (2009/10) e 2-4 (2010/11) e en Segunda División B, 2-1 (2013/14) e 5-5 (2014/15) e 5-1 (2015/16).

SEGUNDA DIVISIÓN B (5ª Xornada)

PIZARRAS 3C F.S. – O ESTEO F.S.
Sábado 29 – Outubro – 2016 (18,30 h)
Polideportivo de Calabagueiros
(O Barco de Valdeorras)

Nova cortesía de A.F.

También podría gustarte
Comentarios