O 1 de setembro comezará a funcionar a nova sección da Escola Oficial de Idiomas de Ferrol creada no concello das Pontes

A unidade supón a posta a disposición de 90 prazas para a mellora das competencias lingüísticas en inglés
Durante o curso 2012-2013 impartirase un ciclo de nivel básico e outros dous de intermedio
Os interesados deberán formalizar a preinscripción entre o 1 e o 15 de setembro
[Xunta] A Delegación Territorial da Xunta na Coruña informa de que o 1 de setembro entrará en funcionamento a nova sección da Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Ferrol creada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no concello das Pontes.
A nova unidade localízase no Instituto de Educación Secundaria (IES) Castro de Uz e pon a disposición dos alumnos 90 prazas para a mellora das competencias lingüísticas en inglés. Os interesados, segundo se explica desde o departamento territorial, deberán formalizar a preinscripción entre o 1 e o 15 de setembro a través da web www.eoidigital.com/preinsxunta.


Durante o curso 2012-2013, na sección da EOI das Pontes impartiranse un ciclo de inglés de nivel básico e dous de intermedio. O listado de adxudicación das prazas poderase comprobar a partir do 18 de setembro ás 23.00 horas na web ou no taboleiro da escola de idiomas de Ferrol. Os admitidos deberán matricularse entre o 19 e 26 de setembro.
A consellería creou esta nova sección na provincia ao abeiro do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras, que ten nas escolas de idiomas un dos seus piares fundamentais, polo seu papel como centros para a cualificación e certificación tanto dos docentes, como do resto das galegas e galegos. Desta forma, facilitarase o acceso ao plurilingüismo ás persoas que non residen nas cidades, neste caso aos habitantes da comarca de Ferrolterra, e avanzarase na igualdade de oportunidades respecto ás ensinanzas de linguas estranxeiras que se ofertan nas EOI.

También podría gustarte
Comentarios