O As Pontes e o Viveiro firmaron un empate no feudo pontés

[Diario de Ferrol] O As Pontes e o Viveiro empataron sen goles nun partido tedioso na primeira parte, e que tivo de todo na segunda. Nos primeiros 45 minutos os afeccionados tiveron que sufrir un encontro moi pechado, e no que as dúas escadras nunca chegaron a sentirse cómodas.


O primeiro protagonista foi o lateral dos da Mariña, Adán, que despois de ver o primeiro cartón do encontro, salvaba ó seu equipo sacando debaixo dos paos un remate de Aguado ós vinte minutos. O seu relevo colleuno o meta visitante Kiko, que sacou unha man providencial nun remate moi claro de Suso que recibira unha fenomenal asistencia de Canosa.
Na segunda metade, aínda que as cousas semellaron comezar dun xeito semellante, o partido volveuse tolo nos últimos minutos. Primeiro foi Pedreira o que perdoou o gol que puido adiantar ós vivairenses.
Logo, no tramo final, e especialmente coa incorporación de Fornos, o encontro subíu en intensidade. As penetracións por banda de Fornos revolucionaron o ataque local e con maior profundidade fixéronse máis evidentes as reiteradas limitacións no remate dos ponteses.
Entre os minutos 70 e 80 Canosa desperdiciou dous remates claros, un a pase do propio Fornos, e o outro de Rubén. Sen embargo, cando máis perto estiveron do gol os azuis foi nun remate de Dani que se estrelou no longueiro a apenas dez minutos para o final.
Na xogada seguinte foi Fornos o que encarou a Kiko, pero tampouco soubo solventar logo da enésima acción individual. Semellaba que os ponteses ían deixar escapar vivo ó Viveiro, pero aínda non estaba todo dito. No minuto 88 o colexiado sinalou un dubidoso penalti por mans de Paz, que desaproveitaron os visitantes.
Onde non houbo dúbidas para ninguén agás para o asistente foi no fóra de xogo que lle asubiou a Canosa no desconto. Pasaban dous minutos, cando o dianteiro eumés controlou un balón na área recortou ó seu marcado e bateu por baixo a Kiko. A sorpresa foi maiúscula cando o colexiado anulou o gol,a instancias do asistente, sen que tivese habido reclamación ningunha nunha posición totalmente legal.
Ó final as dúas formacións levaron cadanseu punto, que de nada lles serve na táboa clasificatoria.

También podría gustarte
Comentarios