O As Pontes sufríu unha dura goleada fronte o Bergantiños

[Diario de Ferrol] O C. D. As Pontes recibíu onte un serio correctivo coa derrota que lle inflixíu o Bergantiños. 1-5 foi o resultado final dun choque que nos retrotrae ata hai máis dunha década para atopar unha goleada semellante encaixada na casa polos ponteses.


A verdade é que as cousas non se lles puideron poñer máis de cara ós de Carballo, que na primeira xogada do partido atopáronse cun penalti en contra. O gol de Bossa puña o partido claramente en franquía para un equipo visitante que se sacudía moi cedo a presión de saberse obrigado a gañar para confirmar a súa cantada candidatura ó ascenso. Logo do nerviosismo inicial, semellou repoñerse a escadra de Mieres, e ó cuarto de hora conseguíu hilvanar a primeira chegada con perigo por banda. Foi Pablo o que puxo un bo balón para Piru, pero este rematou desviado. Cando menos esta acción servíu para coller confianza ó xove equipo azul, e pouco a pouco foron collendo o control do partido. No eido negativo hai que sinalar que tampouco lles servíu de moito, porque non eran quen de superar a liña de medios con posesión, e perdían moi axiña o balón, polo que se vían abocados a recorrer ó futbol directo, onde sempre levaron as de perder diante do experimentado rival que tiñan en fronte. A sentencia veu á media hora, cunha rápida internada de Vidal en banda esquerda, que atopou o certeiro remate de Pablo para poñer o 0-2. A diferencia na pegada revelábase así definitiva para establecer tamén esas mesmas distancias entre os dous contendentes. Aínda tivo outro asomo de reacción o As Pontes ó recurtar distancias na reanudación. Só ían seis minutos cando Pedro fixo o 1-2 de penalti. Xurdíu entón a figura do goleador Adriano, que se bastou para sacar á luz a febleza da liña que se supuña máis segura, a zaga. O corpulente dianteiro que retornou este ano ó Bergantiños marcou dous goles en dous minutos, en senllos balóns nos que sacou partido da inocencia dos zagueiros da casa.
Co 1-4 no marcador, o Bergantiños ergueu o pé do acelerador, e o As Pontes xa non tiña capacidade de resposta. Cada vez máis nerviosos, os azuis insistiron na imprecisión, e apenas se puideron aproximar á área rival. Por se fora pouco, a manciña completouse nunha acción desafortunada, a falla de dez minutos, cunha falta que botaba Bossa, e Alberto despexou ás súas propias mallas.
Co 1-5 xa só quedou agardar ó asubío final, e seguir agardando unha mellor ocasión para que este equipo comece a dar a medida do que se agarda dunha plantiña xove, pero con mota calidade.
A ninguén o tiña que sorprender perder cun equipo do potencial do Bergantiños -os ponteses suman un punto de nove- e o calendario neste arranque é moi esixente. Agora será Felipe Mieres o que teña que traballar moito esta semana cunha plantiña que anímicamente pode acusar moito a goleada de onte.
AS PONTES 1
BERGANTIÑOS 5
As Pontes: Marcos, Rouco (Rivas, min. 78), Jorge, Chote, Alberto, Alonso (Maikel, min. 46), Pablo (Ferreiro, min. 61), Troncho, Pedro, Dani e Piru (Aguado, min. 61).
Bergantiños: Yáñez, Lobato, Yordi, Élmer (Alberto, min. 85), Dani, Bossa, Miguel, Mariano, Adriano (Adán, min. 80), Vidal (Javi, min. 61) e Pablo (Josito, min. 68)
Árbitro: García Pinal, de Lugo, con Coya Gómez, e Méndez Fernández como asistentes. Amosou cartóns amarelos a Marcos, Rouco e Chote no As Pontes, e a Yordi, Vidal e ó delegado José Manuel no Bergantiños.
Goles: 1-0 min. 1: Bossa; 0-2 min. 30: Pablo ; 1-2 min. 51: Pedro, de penalti; 1-3 min. 55: Adriano; 1-4 min. 57: Adriano; 1-5 min. 78: Alberto, en propia porta.
Campo: O Poboado.

También podría gustarte
Comentarios