Amigus
As Pontes

O Concello de As Pontes presentará o venres en FITUR a súa oferta turística

[RTVEume] A concelleira de Turismo, Ana María Pena, encabezará a delegación que se encargará de dar a coñecer a importante riqueza paisaxística do municipio O Concello de As Pontes estará por vez primeira na Feira Internacional de Turismo de Madrid (FITUR). Será este venres, ás 16.30 horas, cando unha expedición pontesa presente unha promoción do municipio como vila turística, reflectindo a nova realidade dun concello que aposta polos recursos turísticos xa existentes e os potenciais que partirán do lago que ocupa o oco da mina de Endesa. A edil de Emprego, Turismo e Novos Proxectos, Ana María Pena, presidirá a presentación desta marca turística As Pontes, Camiño do Eume, baseada na ampla oferta paisaxística, patrimonial, gastronómica, ou de lecer, coa que conta o concello.


O venres, o posto de Galicia acollerá un acto de presentación que incluirá unha teatralización da recepción protagonizada polo Conde Rodríguez de Valcárcel, a proxección de dous vídeos e a intervención en persoa da propia concelleira.
Precisamente, Ana María Pena salientaba a importancia de estar en Fitur ao tratarse dun escaparate internacional no que hai que estar, para potenciar a gran oferta turística e paisaxística coa que conta As Pontes, e sobre todo no grande descoñecido: o rural, onde hai auténticos tesouros que é preciso poñer en valor. Neste senso, a edil confía en empregar o efecto de chamada do lago, que sen dúbida será un excepcional reclamo, temos que ser capaces de amosar o outro As Pontes.
Ás capacidades en eidos coma o patrimonio monumental, arqueolóxico, etnográfico, material, industrial, gastronómico, artesanal, cultural, ou mesmo arquitectónico, tanto relixioso coma civil, con mostras irrepetibles, que os converten en reclamos por si sós, hai que engadir hoxe a potencialidade dun lago que se vai converter no lugar idóneo para a explotación dun incipiente turismo activo. Compartirá protagonismo coa oferta natural dun concello con auténticos tesouros no seu rural, con barrios xudeos, fervenzas, restos arqueolóxicos, ou coas citas festivas coma o Carme, A Fraga ou a Feira do Grelo.
As Pontes, baixo o lema “Camiño do Eume” suma así novos elementos ós encantos dunha poboación cunha histórica tradición turística, e que foi mesmo referencia termal e destino de repouso de saúde non hai tantos anos. Este pase será exclusivamente profesional, para técnicos acreditados na feira, e con el preténdese achegarlles esta oferta para que logo a transmitan ós diferentes eidos nos que desenvolven a súa labor. De calquera xeito, a presenza servirá tamén para facer un percorrido polo recinto e facer entrega de folletos promocionais ós visitantes deste evento e mesmo se levarán degustacións de produtos locais.

También podría gustarte
Comentarios