O concello de As Pontes e a Asociación Abeiro organizan a primeira Festa da Mocidade dirixida aos máis novos

O concello de As Pontes, a través do departamento de Servizos Sociais, xunto coa asociación Abeiro de axuda ao drogodependente, están a preparar a que será a primeira Festa da Mocidade. A cita, que terá lugar na xornada do vindeiro sábado, terá como escenario o polideportivo municipal de As Pontes e as pistas do barrio da Fraga, onde está previsto que se desenvolva un amplo programa de actividades dirixidas a rapaces maiores de 13 anos.


Competicións deportivas, concursos de graffittis, obradoiros de break dance e incluso un concurso de actividades conforman un programa que xa dará comezo a primeiras horas da mañá e que desenvolverá a empresa Atalaia Social.
Así as cousas, dende a concellería de Servizos Sociais, animaron a tódolos rapaces e rapazas pontesas a tomar parte nesta convocatoria que pretende servir como colofón final a varios meses de Zona Zero, un programa de actividades que se veu desenvolvendo coa colaboura do concello, destinado a ofertar actividades para as tardes de sábado dos máis novos, como alternativa de ocio.
A este chamamento sumáronse tamén dende Abeiro que non dubidaron do éxito de convocatoria que terá esta festa, tras ver os resultados tan positivos que sábado tras sábado rexistraron as xornadas de Zona Zero. É que tanto o concello coma Abeiro defenderon a necesidade de poñer en marcha actividades lúdicas alternativas ao botellón, en prol dun ocio saudable.
Actividades
O programa para a xornada de sábado está encabezado por unha clase de Body Combat, ás 11.00 horas, que virá seguida dunha exhibición de Capoeira ás 12.00 protagonizada polo grupo santiagués Porto da Barra.
Pola tarde, ás 16.30 horas, os protagonistas serán os malabaristas da Asociación Novo Circo de Ferrol. A continuación teremos outra cita deportiva coas prácticas de tiro con arco, ás 17.15 horas, nas que se contará coa colaboura do Clube Silex e que deixarán paso ao concurso desta disciplina tan só media hora despois, ás 17.45 horas.
Outro concurso dará comezo ás 18.00 horas, será o de debuxo de gaffitties mentras que o baile será de novo o protagonista dende ás 18.30 horas cunha exhibición e taller de Break-dance a cargo do Grupo Vella Escola, de Noia, e os ponteses Faneca Murder Crew.
Asemade, durante todo o día será posible desfrutar dun maratón de fútbol sala de equipos mixtos con xogadores e xogadoras de entre os 12 e os 18 anos. Os distintos equipos participantes poderán optar a premios de 400 e 200 euros e outros dous de 50 euros.
A noite pecharase co concurso Ei, ti si que vales! no que os que así o desexen poderán amosar as súas habilidades xa sexa cantando, bailando, contando chistes, facendo maxia ou en calquera outro tipo de disciplina.
Tamén haberá premios nesta mostra de talento de 100 euros para o primeiro clasificado e de 50 euros para o que alcance o segundo posto.

También podría gustarte
Comentarios