O Edifio Piloto de convivencia Interxeracional construirase xunto á Piscina
[RTVIAsPontes] O Edificio Piloto de convivencia interxeracional entre xóvenes e maiores construirase a carón da piscina municipal climatizada. A Xunta de Goberno aprobou comeza-lo proceso de parcelación urbanística nesa zona para poder construi-lo edific o e a residencia de maiores. O concello conta para elo cunha parcela propia e outra cedida por Endesa, agora terá que agresalas e logo face-la cesión ao Instituto Galego da Vivenda e Solo, que se encargará de construi-lo edificio.
Lembramos que no pasado mes de xullo o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, anuncioiu este proxecto. Este inmoble, con apartamentos protexidos de aluguer destinados a mozos menores de 35 anos e a maiores de 65, é a primeira das dez construcións deste tipo que se contemplan en toda Galicia dentro dun proxecto conxunto realizado entre a Vicepresidencia e a Consellería de Vivenda e Solo.
Segundo apuntou Quintana, serán “vivendas dignas de entre 40 e 45 metros cadrados” e o que pretenden é evitar o illamento da xente maior, “fomentando o intercambio interxeracional e o envellecemento activo”. No caso das Pontes, esta iniciativa vai supor 60 novas prazas residenciais para maiores e un investimento de case 3 millóns de euros. Ademais, este edificio albergará nos baixo un centro de día que atenderá aos residentes do inmoble e que terá 35 prazas a maiores abertas á poboación do concello. A previsión é que as obras poidan estar rematadas a comezos do ano 2008.
Ademais deste asunto, os concelleiros tamén aprobaron o comezo do expediente para a mellora do mercado municipal de abastos. O concello destinará case 60 mil euros para acometer unha importante remodelación deste local.
Finalmente acordouse destinar sete mil euros para a dotación de equipo deportivo para a piscina municipal e outros dez mil para adquisición de material de iluminación para o Nadal.