O galego Fermín Paz, secretario xeral de ‘Dereito á enerxía-SOS Futuro’

[Xornal.com] Fermí­n Paz Lamigueiro foi nomeado como novo Secretario Xeral da Asociación Internacional “Dereito á Enerxía-SOS Futuro”, na sesión do Consello de Administración celebrado o 20 de xullo de 2008, no Brasil, na cidade de Rio de Janeiro.


Esta asociación ten a sua sede mundial en París e conta con máis de 480 organización de 72 países asociadas. A sua estratexia de acción baséase no concepto de considerar a enerxía nun dereito humano, sen a cal non é posí­bel o desenvolvemento económico e social. Asemade o consello tamén elixiu como presidente a Pierre Jean Coulon e como tesoureiro a Mustafa Bouras. Todo o proceso electivo foi por unanimidade.
Paralelamente ao Consello tiveron lugar outras actividades: un congreso coa temática “Enerxía e inclusión social” convocado pola sección brasileira da asociación, as diferentes delegacións tamén participaron no seminario “Enerxía, biocombustí­beis e alimentación”.
Ao remate dos traballos dirixiuse a todas as delegacións asistentes a presidenta da Confederación Nacional da Asociación de Moradores do Brasil, organización tamén asociada “Dereito á enerxía” que agrupa no seu seo a 18.900 comunidades e ten 2.700 delegados e delegadas no seu Congreso Nacional.
Fermín Paz foi militante nacionalista galego dende a década dos 70, ocupando diferentes responsabilidades sindicais en As Pontes, a comarca de Ferrol, a Federación de quí­micas enerxía da CIG e na sua executiva confederal. Foi secretario xeral adxunto da Unión Internacional de Sindicatos do Metal, Petroleo, Enerxia, Quí­mica e afíns así­ coma outras responsabilidades sindicais e políticas, tanto a nivel nacional e internacional.

También podría gustarte
Comentarios