O misterio do vaso campaniforme da Vilavella – Capítulo VIII

Logo dun descansiño durante o Nadal, retomamos de novo a publicación de artigos relacionados co vaso campaniforme da Vilavella, recentemente “desaparecido” da Universidade de Santiago de Compostela.
Nesta ocasión ofrecémosvos a transcricción dun artigo publicado na revista das Festas do Carme e a Fraga no ano 1993. Nel, o Grupo Arqueolóxico Federico Maciñeira fai un percorrido pola prehistoria das Pontes, a través da bibliografía do investigador ortigueirés.
Varios son os traballos e publicacións nos que se referencian e caracterizan os vasos campaniformes da Vilavella. Ademais, ao final do artigo vólvese a insistir na cesión da peza para a exposición sobre prehistoria local, por parte da Universidade de Santiago de Compostela. Queda claro polo tanto, quen era nese momento o depositario da peza, co que a dúbida sobre unha posíbel descatalogación da peza, tal e como afirmou a universidade compostelá, fica lonxe.


Grupo Arqueolóxico Federico Maciñeira, «A prehistoria de As Pontes na bibliografía de Maciñeira», Revista das Festas do Carme e a Fraga, As Pontes: Concello das Pontes, 1993, p.59:
A prehistoria de As Pontes na bibliografía de Maciñeira.

vaso_campaniforme.jpg

Grupo Arqueolóxico Federico Maciñeira.
Moitas son as referencias á riqueza histórica desta comarca do Outo Eume na obra de Federico Maciñeira, e que pretendemos enumerar neste pequeno traballo, como sempre no ánimo da divulgación para acadar a maior sensibilidade e respeto o noso patrimonio.
E nada mellor que recordar un anaco da introducción do artigo “La distribución de las estaciones prehistóricas ortegalesas y sus características” no Boletín de la Academia Gallega en agosto de 1935.
“Pues tanto y en ese amplio y plano valle de formación terciaria y diluvial perteneciente a la villa de Puentes de García Rodríguez, cuanto en las colinas y sierras que lo contornean, aparecen por todos lados –aún aparte de los que hayan podido ser arrasados en las zonas de cultivo– gran número de túmulos, allí denominados medoñas, la mayoría de ellos agrupados en los lugares incultos que el tojo y el brezo recubren por completo. Llegando en mis perseverantes exploraciones a descubrir más de cien en espacio tan relativamente limitado,…”
No ano 1929 xa publicara na colección dos Arquivos do Seminario de Estudios Galegos, Seizón de Prehistoria un artigo titulado “Notable grupo de círculos líthicos y túmulos dolménicos de la cuenca superior del Eume”, onde describe os circos de pedra (que logo foron destruidos pero que aínda conservan a súa pegada), e os cinco túmulos de A Mourela.
Descríbenos as dúas medoñas recentemente escavadas polo arqueólogo J. Eguileta e do circo menor cóntanos que realmente eran dous circos concéntricos de pedra. Da medoña que está ó lado do depósito de auga, recentemente construido, cóntanos que xa fora violada polos campesiños, e do circo grande dinos que xa estaba parcialmente destruido. Das outras dúas mámoas situadas a ambos lados da actual carreteira, descríbenos as súas escavacións.
No ano 1941, en Atlantis: Actas y memorias de la Sociedad Española de Antropología, Etnografía y Prehistoria. Madrid. publica un interesante e longo artigo: “El vaso campaniforme y condiciones de sus intactos yacimientos tumulares en la estación de Puentes, del Cabo Ortegal.”
Relata as súas escavacións na Vilavella, na cista 245, da que hoxe aínda se conservan algúns chantos, onde atopara uns cachiños de cerámica campaniforme, e tamén outros anacos na 219, que viña a estar a altura da antigua telleira da Veiga dos Mouros. Relata tamén os descubrimentos do profesor La Iglesia no 1893 de dous vasos campaniformes, logo reconstruidos, (e que puidemos mostrar a este pobo nunha exposición o pasado ano por xentileza da Universidade de Santiago) atopados nunhas medoñas da Vilavella que xa non chegamos a coñecer (aproximadamente na zona da antiga Ceasa). Tamén nesta obriña publica o “Plano Arqueológico de la comarca de Ortigueira en las épocas Prehistórica y Romana”, que comprende os concellos de Cariño, Ortigueira, Cedeira, Cerdido, Mañón, Somozas e As Pontes, plano que de tanta axuda nos foi para reecontrar as medoñas nos montes desta comarca.
Maciñeira xa se ocupara destes vasos nun artigo no Boletín de la Real Academia Gallega no Marzal de 1927 que titulaba “Los vasos campaniformes de la Colección La Iglesia”.
E sucesivamente, nos números de Abril e Agosto de 1942 e Maio do 1943, no Boletín de la Real Academia Gallega publica “Túmulos prehistóricos: Inventario descriptivo de los doscientos ochenta y seis túmulos prehistóricos hasta ahora descubiertos en la avanzada comarca del Cabo Ortegal”, obra que quedaría incompleta o morrer neste último ano. Así, os do noso concello empezarían nos números 219-220 no lugar de Bidueiro, na Vía Faladora, ata os 276-278 de Montouto en Ribadeume.
E finalmente, como obra póstuma, no ano 1947, prologada por Fermín Bouza Brey, edítase o libro “Bares. Puerto Hispánico de la primitiva navegación occidental”, que consta de varios capítulos. No primeiro, chamado “El solar de la tribu y el camino hacia el mar”, arranca… “La altiplanicie de Puentes de García Rodríguez, que forma la cuenca superior del Eume –tal vez río sagrado a semejanza del famoso Ganges, del Jumna, Kavery y otros, debido a los campos de tumbas milenarias que atraviesa–…” e descríbenos as tumbas da Vía Faladora, desde as primeiras (hoxe desaparecidas e que se atopaban detrás do actual cemiterio) ata as últimas xa cerca do Faro de Bares. E no capítulo cuarto “Deducciones”, vólvenos a recordar, acompañando de debuxos e fotografías, os circos líthicos da Mourela, os campaniformes, as medoñas oviformes de Portorroibo, etc.
Vaia este exemplo da ampla divulgación que na primeira metade do século tiña o coñecemento da nosa Prehistoria local, para recordarnos a importancia do coidado nos nosos xacementos, que reiteradamente se nos ofrecen como uns dos máis importantes de Europa.

También podría gustarte
Comentarios