O pontés Pablo Martínez fai o sábado un casting para a súa próxima curta

[Diario de Ferrol] A finais do mes de xullo o pontes Pablo Martínez rodará en diferentes concellos da comarca unha curtametraxe. As Pontes servirá tamén como escenario para a gravación desta película coa que o director pretende dar a coñecer a paisaxe galega. Ademais, o autor quere que os seus veciños aparezan na cinta. Por este motivo, o sábado, día 6, Pablo Martínez realizará na Casa do Peso un casting para seleccionar a tres homes, de idades comprendidas entre os 25 e os 50 anos.


Os interesados en participar no proxecto deben de presentarse a partir das once da mañá ou das catro da tarde no espacio anteriormente citado. O elenco completarase con varios actores e actrices da confianza do cineasta.
Ademais, entre o equipo técnico de rodaxe estarán algúns veciños da vila como é o caso do fotógrafo Fabián Veiga ou o iluminador Juan Ramil, actual responsable deste área na produción da TVG “Matalobos”.
Pablo Martínez contará co apoio do Concello das Pontes para o desenvolvemento deste proxecto. A concelleira de Cultura do municipio, Montserrat García, explicou que con esta medida preténdese apoiar ós novos valores locais, co fin de promocionar e fomentar a cultura entre os veciños do municipio.
Na actualidade o pontés está estudando Comunicación Audiovisual e conta ás súas costas con varios proxectos como “La Conciencia”, a súa primeira curtametraxe; ou “Mataratxis”, co que logrou ser finalista na décima e undécima edición do Festival Universitario de Curtas ADN.

También podría gustarte
Comentarios