Amigus
As Pontes

Orishas e Ana Belén e Víctor Manuel serán as principais actuacións das Festas

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

Despois dos rumores, e a información que xa publicamos na web fai un par de semanas, por fin temos cartel de festas…
Os cubanos Orishas e o dúo Ana Belén e Víctor Manuel serán os principais atractivos das Festas Patronais das Pontes, que se celebran neste municipio entre os días 15 e 25 de xullo. Os dous anteriores no que se refire á primeira fin de semana, a correspondente ás festas do Carme, porque na seguinte, que será a da Romaría da Fraga, haberá unha mestura entre Rock e folk, e contarán coa presencia na Carballeira de Dona Rita de Susana Seivane, dos irlandeses Kila ou dos incombustibles Barón Rojo.


Os concelleiros Antón Martín e Hixinio Adega volven ser de novo os responsables de organiza-los festexos, e denantes de sacar da imprenta o programa oficial, fan un primeiro adianto das principais actuacións.
O pistoletazo de saída darase o día 15 de xullo, coa lectura do pregón, da que se encargará este ano Abel López Soto, un pontés que ocupou recentemente o sillón da alcaldía de Sada, e que foi desmontado por unha moción de censura.
Durante esa primeira fin de semana actuarán o trío Cubano “Orishas”, que presentará temas do seu novo disco “El Kilo”; unha actuación prevista para a noite do sábado; e o domingo o dúo Ana Belén e Víctor Manuel. No que se refire ó listado de orquestras que amenizarán as noites no centro urbano, este ano estarán sobre o escenario a Montes, Trebol, Olimpus, Charleston, Panamá, ou Lamas La Piña.
Ademais disto, o programa está inzado de competicións deportivas e outras actividades culturais, e tamén estará nas Pontes o espectáculo do Mago Antón e o Festival Folclórico.
Na segunda fin de semana, a da Romaría da Fraga, os romeiros disfrutarán de tres días de música, e de moi diferentes estilos. O sábado, 23 de xullo, celébrase unha nova edición do Nabiza Rock, que terá como convidados a varios grupos de rock local, como os Dr. Funkenstein, AK-47, Ogmios, Anatoly; os cataláns “Sol Lagarto”, “Avalanch” , de Asturias, e os incombustibles “Barón Rojo”; grupos de combinan os ritmos máis duros, dende o rock, hardcore, e heavy metal. Sen dúbida os máis veteranos serán os “Barón Rojo”, cunha historia que se remonta ós anos 80 e que veñen de publicar un novo disco, có título “Cueste lo que Cueste”.
O domingo terá lugar o Festival Folk, que abrirán os ponteses “Muxarega”, e logo subiranse ó escenario Susana Seivane, os belgas “Urban Trad”, e os irlandeses “Kíla”. E o luns, 25 de xullo, o propio día da Fraga, cambiará lixeiramente a dinámica de anos pasados. Na apoteósica sesión vermú estará a orquesta “Fortaleza”, que terá que facer honra ó seu nome, e á tardiña actuarán “A Roda”, polo tanto haberá música máis tranquila e tradicional, xa que en anos anteriores estiveron grupos máis cañeiros, como Os Diplomáticos, Ruxe Ruxe, ou Herdeiros da Crus.
A Comisión de Festas e o Concello non teñen aínda a data definida para comezar coa marcaxe das parcelas no parque da Fraga. Posiblemente será a comezos de xullo, entre o día 1 e o 6, e respecto a outros anos farase algo máis cedo, denantes da noite.
O Concello de As Pontes destinará este ano uns 170 mil euros a estes festexos, a isto haberá que engadir donativos e o que se consiga coa venda da revista.
Fonte: aspontes.com

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios