OS ANTIGOS VECIÑOS DO BARRIO DO MEIDELO CELEBRARON O SAN CRISTOVO DO VILAR
A aldea da Esfarrapa -un dos anacronismos da división territorial de Galicia, pois varias casas desta aldea pertencen ó concello de As Pontes e outras ó das Somozas- foi o escenario da festividade do San Cristovo do Vilar, antigo barrio que desapareceu pola explotación da mina de carbón. As festas, que comezaron o sábado, remataron o domingo cun xantar ó que se achegaron preto de 400 persoas e iso que no concello pontés e arredores había outras celebracións festivas. A banda de gaitas Alfaia e os grupos La Hora Bruja e Maracuyá amenizaron a sesión vermú e verbena do sábado. O domingo estiveron o grupo de música tradicional Os Suplentes e PK-2.
A BARRIADA DO MEIDELO
De toda esta barriada tan só quedan as aldeas da Carballeira, O Castelo, Cheibán, A Esfarrapa, Rámez e O Reboredo. Están situados ó norte da parroquia de Vilavella e neles habitan unha trintena de persoas cando en 1970 a barriadacontaba cunha poboación próxima ós catrocentos habitantes. O lugar do Grou atópase na actualidade en ruínas. A explotación da mina, hoxe convertida nun lago de oito quilómetros cadrados con praia incluída, fixo que desapareceran para sempre as aldeas da Cartilida, O Casaldaboa, A Casalonga, O Castro da Uz, Ferreira, O Meidelo, O Outeiro, A Picheira, O Ribeirón e O Vilar.
Esta circunstancia motivou ós antigos veciños destas aldeas a celebrar de novo a súa festa patronal e á construción dunha nova capela no ano 1989, que conta cun adro novo dende o ano 2011. A antiga estaba situada na aldea do Vilar e fora construída no século XVIII pola familia Fresco. Dela só se conserva a campá e as imaxes. Dende moi antigo vense celebrando a festa na honra de San Cristovo a primeira semana de setembro, aínda que no primeiro terzo do século XX pasou ó día do patrón, no mes de xullo. Aló polos anos cincuenta e sesenta do século pasado a festa tivo moita sona, pois a ela ían moitos romeiros de aldeas da comarca.
As Pontes, 2 de Setembro de 2013 (AF)
Nova cortesía de A.F.