Os irmandamentos de As Pontes, por Antón Ferreiro.

Con gran entusiasmo acolleuse en As Pontes o seu primeiro irmandamento cunha cidade bastante distante aínda que asentada nun pais moi semellante ó noso, Bretaña.

Bandera Galesa.gif


Ben por casualidade, ben polo destino, Lesneven foi a elixida e así nacía oficialmente o pacto de amizade e fraternidade, que foi asinado na vila pontesa o 19 de xullo de l.991 e na cidade bretona o 3 de setembro do mesmo ano.
Parece que foi onte e xa pasaron dez anos de intensas relacións de amizade e fraternidade, con dezaoito intercambios, nos que participaron cerca de mil persoas de tódalas idades. A cultura, o deporte, o ocio e o turismo estiveron sempre presente nestes encontros. Sen embargo, o mais importante foi, e seguen a ser. as relacións establecidas entre os veciños das duas localidades, co fin de afondar no coñecemento mutuo e concienciar ós cidadáns da súa pertenza a Europa “unida e democrática, que sexa preludio dun mundo de paz, de xustiza e de fraternidade” , segundo di a acta de irmandamento.
Non cabe dubida de que a experiencia e altamente positiva e o irmandamento e tomado como referencia por outras vilas galegas e bretonas. Igualmente as duas asociacións de irmandade teñen o propio recoñecemento da Unión Europea, organismo que tódolos anos concede importantes axudas para poder levar adiante estes encontros.
Carmarthen, a segunda cidade irma.
Esta positiva experiencia levou ós membros desta asociación propoñer a corporación municipal pontesa un novo irmandamento con outro pobo dun pais tamén de orixe celta, Carmathen, cidade irmandada con Lesneven desde 1.982 e que precisamente este ano celebran o vixésimo aniversario.
Esta iniciativa tivo un amplo eco na vida social pontesa, así como no estamento municipal, pois o 4 de decembro de 2.001 o pleno da corporación municipal aprobou por unanimidade o irmandamento con esta cidade do Pais de Gales. Deste xeito completase o triangulo de tres culturas celtas, a galega, a bretona e a galesa.
A sinatura da acta de irmandamento tivo o seu primeiro acto oficial o día 3 de xuño en tenras galesas, a onde se desprazaron unha vintena de persoas. Encabezou a delegación pontesa o propio alcalde, Victor Guerreiro, quen xunto co autor deste artigo, o mayor (alcalde) de Carmarthen, William Gwynoro Jones e a presidenta da Carmarthen-As Pontes Twinning Association, Nia Griffith, asinaron o documento oficial, cuxo texto reza:
“Nós, William Gwynoro Jones, alcalde de Carmarthen e Victor Guerreiro Pena, alcalde de As Pontes de García Rodríguez, proclamamos neste día. 3 de xuño de 2.002, o irmandamento dos nosos dous pobos, a fin de favorecer os intercambios culturais, sociais, deportivos, turísticos e económicos, de interese para ámbalas comunidades.
Declaramos solemnemente, no nome dos nosos concidadáns, o noso desexo de fomentar, no respecto da nosa común identidade celta, un entendemento, respecto e amizade entre os pobos de Carmarthen e As Pontes de García Rodríguez, integrados nunha Europa unida e democrática, abrindo así o camiño de cara a un completo entendemento entre as xentes de tódalas nacións”.
O 26 de maio deste ano tivo lugar a cerimonia oficial en As Pontes. Nesta ocasión o alcalde da cidade galesa foi Petar Hughes Griffiths, quen en 1.982 fixo o irmandamento Carmarthen-Lesneven. Lembrar que a alcaldía en Cannarthen anóvase anualmente no mes de maio.
Outros irmandamentos.
Ademais destes dous pactos de amizade oficialmente constituídos, o pleno da corporación pontesa aprobou recentemente o seu interese de irmandarse coa localidade cubana de Arroyo Naranjo, illa coa que os galegos temos vencellos moi estreitos. O acto oficial celebrouse en novembro de 2.002 na illa antillana.
Sen embargo, temos que remontarnos a mais de trinta anos para atopar os primeiros intentos de irmandamentos da nosa vila, xa que na década dos setenta houbo vontade de estreitar lazos de irmandade con localidades próximas. A intención era a de adicar o día da festa da Fraga a un municipio próximo, como foi o caso de A Coruña (1.970), Ferrol (1.974), Viveiro (1.975) e Ortigueira (1.976), os cales, reciprocamente tamén correspondían cunha xornada adicada a As Pontes.
Pero esta vontade institucional nunca chegou a materializarse oficialmente Eso si, houbo interese por parte das corporacións municipais, como esta reflectido nos dous documentos que están na casa do concello pontesa, o de Ferrol e o de Ortigueira. O texto do da cidade departamental reza:
El Excmo. Ayuntamiento de El Ferrol del Caudillo, en sesión plenaria celebrada el 23 de Agosto de 1.974, ACORDÓ la voluntad de hermanamiento de esta Ciudad y su Corporación con la Villa y Corporación de Puentes de García Rodríguez, como propósito de perpetuar las tradicionales relaciones entrañables entre ambas Comunidades. En El Ferrol del Caudillo a 25 de Agosto -Día de Puentes de García Rodríguez- de 1.974, El llmo. Sr. Alcalde Presidente, Joaquín González-Llanos. El Secretario.
O de Ortigueira e practicamente o mesmo, variando soamente no seu encabezamento:
El Muy Noble Ayuntamiento de Ortigueira, en sesión plenaria celebrada el día 12 de Marzo de 1.976“), na data (25 de xullo de 1.976) e en lugar das sinaturas do alcalde e secretario hai dez que corresponden ós membros da corporación ortegana daquela época.
Non hai constancia do de Viveiro, pero si do acordo plenario de 2 de maio de 1.975 de realizar un acto de irmandade con motivo de declarar o 25 de de xullo como “Día de Viveiro” e en canto a A Coruña, a corporación pontesa decidiu en pleno ordinario do 16 de xullo de 1.970 declarar a festa da Fraga como “Día da Coruña”.
Carmarthen, a cidade de Merlín.
Carmarthen e unha pequena cidade de 16.000 habitantes, situada no sudoeste de Gales, cerca da desembocadura do río Tywi e da baía do seu mesmo nome. E unha das cidades mais antigas de Gales e a súa fundación remóntase a mais de dous mil anos.

Carmathern-3.jpg

Dende o ano 75 e durante uns 600 anos estivo dominada polos romanos que a chamaron Moridunum, procedente do celta británico Moridonon, que significa “torte marítimo”, e do cal a cidade toma o seu nome.
Mas de seiscentos anos separan o período da dominación romana e a chegada dos normandos en 1093. Caerfyrddin, como se coñece a cidade en gales, comeza a asociarse con Merlín (en gales, Myrddin), especialmente despois de que Geoffrey of Monmouth a dera a coñecer no século XII no seu libro History of the King of Britain (Historia dos reis en Bretaña). Proliferan as lendas do rei Arturo e de Merlín, cuxa tradición esta moi arraigada en Caerfyrddin (“a fortaleza de Merlín”). Profetizou a chegada dun líder británico que derrotaría os anglosaxóns e tamén fixo referencia a do vello carballo “Old Oak”, o cal cando caera tamén caería a cidade. O secarse no século XIX foi reforzado con bandas de ferro e cemento; sen embargo, na década dos anos setenta foi sacado do seu sitio polas necesidades do tráfico moderno.
Carmathern-1.jpg

Na Idade Media a historia de Carmarthen é a historia de duas cidades, a nova e a vella Carmarthen. O rei de Inglaterra, Guillermo II, foi o primeiro en recoñecer a importante situación estratéxica da cidade e alí mandou construír o castelo para afianzar a súa presencia real. Deste xeito Carmarthen convirtiuse e centro administrativo e xudicial da coroa inglesa. A urbe desenrolase en duas cidades, a vella Carmarthen, administrada por unha comunidade relixiosa, e a nova Carmarthen, administrada dende o castelo.
Durante a Reforma as duas cidades foron unidas a raíz dun edicto de Enrique VIII, creándose un concello e un alcalde, que tamén ostentaba o cargo de almirante do porto. Un porto que floreceu nos séculos XVI e XIX.
Carmathern-2.jpg

Carmarthen foi considerada como a cidade mais grande de Gales ata o comezo da revolución industrial. En 1603 obtén a categoría de condado, segundo un edicto que está exposto na casa do concello.
A cidade segue a ser un importante centro administrativo e comercial. Entre outros organismos oficiais, esta o Consello do Condado de Carmarthenshire, que ten unha superficie de 3.281 quilómetros cadrados e 170.000 habitantes, da cal e capital.
Carmathern-4.jpg

Como visitas de interese esta o museo do condado, a praza John Nott (xeneral que destacou na guerra de Afghanistan), o antigo castelo, a igrexa de Saint Peter e a antiga cidade romana e o seu anfiteatro.
O Pais de Gales (Cymru en gales) e unha rexión de Gran Bretaña que conta con parlamento propio e dende 1997 ten unha autonomía limitada. A súa paisaxe e moi semellante a Galicia, con amplos vales verdosos e montañas redondeadas, sobre todo no norte e sur do pais.
Snowdonia, North Wales.jpg

Ten unha superficie de 20.678 quilómetros cadrados e uns tres millóns de habitantes. A súa capital e Cardiff (300.000 h.), o seu patrón e San David e son linguas oficiais o inglés e o gales (lingua de orixe celta).
Mapa de Gales.gif

Lesneven, a capital do “Pays de Léon”
Verdadeiro centro neurálxico do Pays de Léon, Lesneven e unha das mais antigas cidades de Bretaña. Nacida das civilizacións megalíticas, celtas e galorrománicas, o seu pasado esta cheo de historias de sitios, de bandoleiros, de execucións na Revolución e de visitantes ilustres.
Pequena aldea a onde chegaron os bretóns cristianizados de Inglaterra (a antiga Britania) a finais do século IV, era un lugar situado na encrucillada de numerosas vías romanas e toma vida importante coa chegada de artesáns e comerciantes dos arredores. No século VI, os homes chegados do norte, os chamados daneses ou viquingos, comezan a facer estragos nesta comarca forzando a comunidade a refuxiarse nun recinto fortificado. E cando entón xurde un xefe local chamado Even que destaca por rexeitar os ataques dos viquingos nun lugar da costa que se chamaría “Park Lazou Bras”, o campo da grande carnicería. Deste caudillo tomaría o seu nome a nacente cidade, Les-an-Even, en vello bretón “Le Fief d’Even” (a residencia de Even).
No ano 938, co duque Alain Barbetorte, Bretaña entra de cheo no sistema feudal, que se caracteriza por pelexas, conspiracións e revoltas entre os nobres.
No 1.341 estala a guerra de sucesión de Bretaña, na que se enfrontan Jean de Monfort, aliado dos ingleses, e Charles de Blois, ó que axudan o reino de Francia e Duguesclin. Esta guerra duraría 24 anos.
Despois da victoria na batalla de Auray (1.364), onde morre Charles de Blois, o duque Jean IV, fillo de Jean de Monfort veu a Lesneven e aproveitando a historia de Salaum-ar-Fol constrúe a magnifica basílica cerca da tumba deste campesiño en agradecemento a Virxe; colocando simbolicamente a primeira pedra ó ano seguinte; gañándose así unha gran popularidade en todo o norte de Bretaña.
No ano 1379, as tropas do rei de Francia, Carlos V sorprenden e masacran a guarnición inglesa de Jean IV, coa complicidade des lesnevenses, que estaban fartos da ocupación dos ingleses. Vencido, o duque refuxiase en Inglaterra, pero volta no ano 1375, tomando o castelo de Lesneven e pasando a coitelo a toda a guarnición francesa. Ó ano seguinte, o impopular condestable Duguesclin volve a ser o dono da cidade expulsando de noso ós ingleses.
Finalmente, e despois de moitas loitas, a paz é asinada con Francia o 15 de xaneiro de 1.381. Así comeza unha etapa de grande prosperidade. Os castelos dos arredores de Lesneven reverten de riquezas, os burgueses lesnevenses acumulan grandes fortunas e os aldeáns e campesiños viven contentos.
O reinado de Jean V, O Prudente (l.399-l.442) marca o apoxeo da Bretaña independente. Lesneven é nesta época o centro da vida de Léon, importante centro militar, comercial e relixioso, coas pelegrinaxes a Saint-Michel (igrexa feita no ano 495 e mais adiante reconstruída), á Nosa Señora de Lesnesven (1.111), e tres séculos mais tarde á Nosa Señora de Le Folgoët.
No século XVI sufriu tamén a turbulenta época da Liga. Era a capital xudicial e administrativa do Léon que comprendía 65 parroquias agrupadas nun senescalado.
O crearse os departamentos, Lesneven pasou a ser capital dun cantón, que actualmente agrupa a doce concellos cunha superficie de 157 quilómetros cadrados e uns 22.000 habitantes. É un importante centro comercial e agrícola, e presume de ser a cidade mais escolarizada de Francia, con mais de quince mil alumnos, cando a localidade conta con 7.000 habitantes.
O escudo de armas desta histórica cidade bretona data de moi antigo. Segundo o Armorial de 1656, conten nun campo dourado un león de sable (negro) e levando nas patas dianteiras un guión de azur (azul) cargado dunha flor de lis en ouro. Ó timbre unha torre almeada.
MEMBROS DA XUNTA DIRECTIVA
Presidente: ANTON FERREIRO GARCÍA
Vicepresidente: FRANCISCO DEL MORAL GÓMEZ
Secretario: MANUEL LORENZO LEDO
Tesoureiro: XOSE M. GONZÁLEZ BLANCO
Vocal: XOSE BIEITO COELLO COELLO
Vocal: ELVIRA COELLO COELLO
Vocal: JUANA MATO IGLESIAS
Vocal: JOSEFA MUIÑO MARTÍNEZ
Vocal: PILAR FERREIRO GARCÍA
Vocal: MANUEL CAMBA GAYOSO
Vocal: CELSO BARRO GARCÍA
As Pontes, Agosto 2002 (c) ANTÓN FERREIRO.

También podría gustarte
Comentarios