Os veciños das Pontes solicitaron 270 licencias para instalar cabanas na Fraga

[Diario de Ferrol] Os ponteses prepáranse para vivir, mañá, un día de actividade excepcional. A romaría da Fraga ten máis dun cento de vida e segue a ser unha cita multitudinaria na que xente de tódalas idades atopa o seu espazo para divertirse. Na beira do Eume constrúese estes días un pequeno poboado.


O parque de Santa Rita, nas Pontes, á beira do Eume, convértese estes días case nunha vila en miniatura. Non é para menos porque no mediodía de onte había rexistradas no Concello 269 solicitudes para construír cabanas. Éste é un dos principais atractivos da romaría xa que, ó contrario do que pasa noutras xiras campestres, os ponteses protéxense con chabolas máis ou menos elaboradas (hainas con máis dun piso e con electricidade). Tal é a afluencia que o goberno local, para controlar este “boom” urbanístico, distribúe o espazo en parcelas que logo reparte entre os que o piden. Así asegúrase de que se ocupa o espazo permitido e tamén se vixía o estado no que queda o parque logo de que o poboado de quita e pon desapareza.
Na Fraga a festa faise no parque e tamén no río. Son tradicionais as imaxes de baños non sempre voluntarios e de lameiros onde arrolan os máis novos. A sesión vermú de mañá é o momento álxido desta celebración e incluso os bombeiros contribúen a refrescar o ambiente.
A música nesta ocasión correrá por conta da orquestra Galilea. As merendas estarán amenizadas pola charanga Os Ponteses e na verbena actuará de novo Galilea, acompañada nesta ocasión por Jerusalén.
O aspecto litúrxico non se esquece e á unha da tarde está prevista a celebración dunha misa na capela do Carme.
Folk internacional > Para abrir boca ós centos de campistas que xa pasan esta noite no recinto da Fraga celébrase hoxe a partir das 22.30 horas un festival folclórico coa participación dos Zarambeques, Sérralhe-Aí, Birimbao e Gwendal. Este último grupo, procedente da Bretaña francesa, é unha formación mítica dentro da música folk e influíu a ducias de grupos posteriores.
Con estas propostas ponse fin a unhas festas que comezan co Carme e que se prolongan ata o 25 de xullo. Neste tempo pasaron polas Pontes orquestras de primeiro nivel e tamén importantes voces do panorama pop español. É o caso de La Guardia e de Cómplices, que actuaron o sábado pasado, e de Efecto Mariposa, que o fixeron o domingo. Outras citas clásicas das festas das Pontes son o Nabiza Rock, a procesión nocturna, as proxeccións de cine ou as actividades lúdicas para os máis pequenos que se celebran no parque.

También podría gustarte
Comentarios