PREFERENTE NORTE. CD AS PONTES 1 – XALLAS FC 0

O As Pontes logra unha vitoria con moito sufrimento nos últimos minutos

O As Pontes logrou os tres puntos na tarde-noite de hoxe ante o Xallas nun encontro con dúas partes ben diferenciadas, unha primeira na que puideron marchar ó descanso con maior ventaxa e unha segunda na que acabaron pedindo a hora.

Comezaron dominando os locais, e así, Carlos marca en fora de xogo (2´), o propio xogador de Ares dispara e saca o porteiro cos pes (3´), e tras un centro de Ramos non cabecea a gol Dani por pouco (4´).

Pero nunha contra a piques estivo de marcar Abel, que foi un quebradeiro de cabeza todo o encontro, pero salvou Pelayo (13´). Pouco despois chegou a xogada clave do partido cando Carlos é derrubado dentro da área e marca Bossa tras enganar ó porteiro (16´).

Foron os azuis a polo segundo. Tras un magnífico saque de esquina do Mago de Viveiro, Rego en boca de gol manda o balón fora (19´), e noutro centro de Ramos, non chegan a cabecear na área pequena nin Dani nin Carlos (25´).

Noutra xogada dos visitantes, vaise Julián por banda esquerda e acaba rematando a rentes do pau (27´). Tras un pase dende banda de Criado, queda só Carlos ante o porteiro pero acaba despexando Julián (29´) e a continuación tiro de Ramos dende o borde da área que marcha rozando o escuadro (31´).

Cun centro de Fidi que cabecea Carlos, e cando o balón se ía a colar polo escuadro despexa milagreiramente Julián a córner acabou o primeiro período (41´).

No comezo do segundo houbo aproximacións visitantes de Iván, Marcos e Julián, e polos locais, gran combinación entre Quique e Adrián, que queda só ante o porteiro, pero non esperaba tal ocasión e acaba perdendo o balón (50´), e noutra boa xogada de equipo, Dani acaba rematando mordido (57´).

Entremedias prodúxose a xogada curiosa do encontro, cando Carlos se marcha só, i é derrubado por Couto e o colexiado acaba sacándolle o cartón vermello ó porteiro visitante. Pero instantes despois retirallo ó ver ó liña con bandeirín levantado, por un suposto fora de xogo que non parecía (53´).

Pero os últimos minutos foron un auténtico suplicio para os locais, nun calco do encontro da campaña pasada, o dun primeiro período de dominio local e un segundo de moito maior fondo físico dos visitantes.

Bo centro de Iván González, que peitea por alto cara atrás Abel (65´). Pouco despois, Julián vaise moi cómodo de Ramos, dispara, atalla Pelayo como pode, queda morto o balón na área pequena e despexao Rego (70´).

No último cuarto de hora chegaron as mellores ocasións visitantes. Dispara Marcos dentro da área, saca co corpo Rego, o balón queda rexeitado, e empalao Abel ó longueiro (76´). Xa queimando todas as naves os xalleiros, tras un centro dende banda é Alex Blanco quen remata, e outra vez é repelido o balón polo longueiro (89´).

Milagreiramente conseguiu salvar o As Pontes o triunfo, e suma 36 puntos, que xunto co tropezo da Sarriana, fai que manteña catro de ventaxa sobre os lucenses, seis sobre o Noia e dez sobre o Ribadeo. Próxima visita ó Castro, penúltimo clasificado.

Consigue o As Pontes o seu primeiro triunfo na casa ante o equipo de Santa Comba, ó que se lle gañara 1-2 aló como Mineiro, pero co que se perdera 0-1 e 1-3 coa mesma denominación, empatarase 0-0 como Santa Comba e 1-1 a campaña pasada.

Este era un dos rivais con varios duelos ós que nunca gañaran ós ponteses no Poboado. Podese resaltar hai uns anos na Preferente Norte, co Vizoño de Abegondo so se conseguiran tres empates e tres derrotas na casa, pero curiosamente a domicilio catro triunfos e un empate.

Nos anos na Segunda B outro equipo ó que non se conseguira gañar en seis duelos fora ó Sporting B, co que se colleitou dous empates e catro derrotas, pero sen embargo triunfos nas tres últimas visitas a Xixón.

CD As Pontes. Pelayo, Criado, Ramos, Rego, Sánchez, Dani, Adrián, Bossa (Toni 75´), Quique (Erni 64´), Fidi (Trillo 75´), Carlos.

Xallas FC. Julián Couto, Cristian, Jacobo, Santi (Carlos 81´), Abel, Julián López, Marcos, Iago (Doro 64´), Rubén (Madiop 75´), Iván (Alex Blanco 81´), Oliver.

Goles. 1-0, Bossa, de penalti (16´).

Árbitro: Alfonso Alcalá Rey (Santiago). Auxiliado por Vidal Fonseca e González Laíño. Amarelas a Ramos, Dani, Adrián, Santi, Doro, Rubén e Cristian.

Campo e incidencias. O Poboado. Máis de 100 espectadores.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

También podría gustarte
Comentarios