PREFERENTE NORTE. CD AS PONTES 4 – SD SOFÁN 0

Triunfo cómodo do As Pontes no seu estreo no Poboado

Vitoria cómoda do As Pontes, que non gañaba tan plácidamente no seu campo dende hai moito tempo, no seu primeiro partido ligueiro en casa, amosando que a derrota en Dumbría (2-1) foi un mal inicio de Liga.

Hoxe visitaba As Pontes o Sofán, equipo dunha parroquia de Carballo duns 1500 habitantes, que contaba co bo carrileiro esquerdo Pablo Domínguez, que xogou catro tempadas cos azuis, ou o media punta arxentino Matías Navarrete, que fixera a pretemporada co As Pontes o ano anterior.

Ós cinco minutos xa mandaba 2-0 o cadro local, tras un gol de Rego a saque de córner de Bossa (4´), e unha falta botada polo Mago de Viveiro que despistou a Rumbo tras rebotar nun defensa (5´).

Anteriormente xa avisara o cadro local nun pase atrás preto da liña de córner de Fidi, que non atopa rematador (2´), ou un balón colgado ó área pequena por Eloy (3´).

Poñía a tranquilidade antes do descanso Adrián Iglesias, quen tras unha parede con Eloy, queda só e marca despois de regatear ó porteiro (29´).

O segundo tempo fíxose longo para os dous equipos, e a mellor aproximación dos de Carballo foi unha internada por banda esquerda do capitán Luis, e no seu centro non alcanza o balón Quintela que chegaba desmarcado ó segundo pau (70´).

Máis clara a tivo o As Pontes preto do final, cando tras desfacerse dun defensa, ingresa só na área Pardo, cedella a Chis, e o seu remate desvíao Rumbo (84´).

Co tempo cumprido, o xogador de Ortigueira estivo moi listo nun saque de falta lateral de Bossa, xa que se adiantou ós defensas e de primeiras marcou de tiro raso axustado ó primeiro pau (90´).

O equipo de Marco Roca deberá tentar de continuar sumando para achegarse ás primeiras posicións, e a próxima semana visita Abegondo para enfrontarse ó ascendido San Tirso, onde milita un vello coñecido, o xogador de Cabanas, Álvaro Rey, que anotou o único gol ata o momento do conxunto coruñés. O Sofán pola súa parte recibe ó Xallas.

4 CD As Pontes. Paco, Criado, Alex, Rego, Dani, Roberto, Ramos (Chis 59´), Bossa, Eloy (Carba 88´), Fidi (Quique 72´), Adrián Iglesias (Pardo 74´).

0 SD Sofán. Rumbo, Félix, Rubén (Sito 59´), Iván, Luis, Canedo, Jonathan (Rojo 46´), Pablo, Quintela, Juan (Matías 46´), Fabián (Eibe 46´).

Goles: 1-0, Rego (4´), 2-0, Bossa (5´), 3-0, Adrián Iglesias (29´), 4-0, Pardo (90´).

Árbitro: David Jiménez Jiménez (Lugo). Auxiliado por Vázquez Alemparte e Polo Fernández. Amarelas a Rego, Iván e Quintela

Campo e incidencias: Campo de O Poboado. Uns 150 espectadores, moitos visitantes, en tarde chuviosa por momentos.

Nova cortesía de Xose Ferreiro e A.F.

También podría gustarte
Comentarios