PREFERENTE NORTE. CF DUMBRÍA 2 – CD AS PONTES 1

Derrota do As Pontes no debut ligueiro ante o recén ascendido equipo da Costa da Morte

O As Pontes non tivo un bo comezo no seu retorno á Preferente e caeu 2-1 ante o recén ascendido Dumbría, modesto equipo da Costa da Morte fundado en 1996, que retornaba á categoría ante un conxunto que viña de xogar sete campañas consecutivas na Terceira, así que o día non puido ser máis redondo para os branquinegros.

No comezo do encontro, acudiu fiel á cita co gol o dianteiro Eloy (15´), e poñía por diante ós azuis no primeiro cuarto de hora. Pero pouco durou a alegría porque uns minutos despois empataba un vello coñecido, Jose Marcote.

No segundo tempo poñíanse por diante os do Conco co tanto de Jesús, e pese a que os locais xogaron cun menos nos últimos minutos non puido traer nada positivo o As Pontes da súa primeira visita.

Outros favoritos ou históricos, coma Polvorín, Dubra, Paiosaco, Viveiro ou Betanzos, comezaron con vitoria así que nas próximas semanas non lle queda máis remedio ó As Pontes que tentar sumar de tres en tres, e que este encontro quede nun mal recordo.

O vindeiro fin de semana visita o Poboado o Sofán, equipo no que militan un vello coñecido, o bo carrileiro Pablo Domínguez, o media punta arxentino que estivera na pretemporada pontesa o ano pasado, Matías Navarrete, ou un porteiro contrastado como Javi Rumbo, polo que a vitoria non será nada doada.

Xogaron Paco, Criado, Alex, Rego, Dani, Roberto, Quique (Ramos 65´), Bossa, Eloy, Fidi (Jaime 79´), Pardo (Adrián Iglesias 68´).

Nova cortesía de Xose Ferreiro

También podría gustarte
Comentarios