Coa entrega de diplomas por parte de Francisco Fernández e Diego Paz, directivo e adestrador do Club Esteo, o alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e Dolo, xogadora do Burela FS, campión da liga e copa de España de fútbol sala feminino, na tarde do xoves finalizou o primeiro campus mixto de fútbol sala que estivo organizado polo Club pontés, flamante novo equipo da Segunda División B despois de lograr o título de liga.
Esta actividade deportiva, xa habitual en diversos clubs despois do remate da competición oficial co fin de captar xente nova para a práctica do fútbol sala, congregou a preto de medio cento de nenos e nenas nados entre os anos 1997 e 2007, que durante tres días realizaron diversas actividades lúdico-deportivas que se desenrolaron no pavillón municipal da Fraga, na pista do colexio da Fraga e na piscina municipal.
O campus, dirixido por Dani Díaz, da escola de fútbol sala do Xove e diplomado en educación física, estivo impartido por cinco monitores máis, tamén diplomados en educación física, cada un á fronte dun grupo, Iago Barro, xogador do Burela FS; César Quijada, xogador do Azkar Lugo; Gonzalo Iglesias, adestrador do Azkar; David Riveira, da escola de fútbol sala do Xove, e Daniel García, monitor de tempo libre.
O primeiro día estivo como convidado Cristián, xogador do Burela. O mércores estiveron is irmáns Diz (Antonio e Álex), do Azkar Lugo e internacionais sub-21 e sub-18 coa selección española, para rematar o xoves con Dolo (Dolores Sánchez García), xogadora do Burela feminino flamante bicampión español da categoría nesta tempada, xa que ó título de liga sumou o de copa.
Dada a boa experiencia deste primeiro campus, no Club pontés pénsase en realizar o segundo para o vindeiro ano. Finalmente sinalar que mañá sábado o Club Esteo organiza unha cea baile de fin de tempada con motivo do ascenso de categoría e na que se renderá homenaxe a Pellón, emblemático xogador pontés que deixou o fútbol sala activo no Club da súa vila logo de 23 anos de intensa actividade deportiva en numerosos equipos da máxima categoría nacional, como o histórico Autos Puentes, onde se iniciou, O Parrulo, Mobles Caloto, Castro Urdiales, Boandanza, A Estrada, Cidade de Narón e O Esteo.
Nova cortesía de A.F.