REPASO ÁS MELLORES PRIMEIRAS VOLTAS DO CD AS PONTES

O CD As Pontes quedou brillantemente Campión de Inverno na segunda mellor primeira volta da historia do clube

O CD As Pontes rematou este domingo a primeira volta da Liga na Preferente Norte coa vitoria ante a Sarriana. O inicio pódese calificar de sublime e magnífico, quedando nunha anécdota a derrota ante o Boimorto. Toca seguir traballando moi duro, pero o equipo firma a segunda mellor primeira volta da historia do clube, con 54 de 57 puntos posibles. 

Oficial e estatísticamente a mellor primeira volta do clube foi na temporada 1972-73 na Segunda Rexional, cos triunfos do Calvo Sotelo ante o Numancia de Ares, Cedeira, Galicia de Mugardos, Cultural Maniños, Eume Deportivo, Perbes, Perlío e Limodre. Obtiveronse oito de oito triunfos posibles e os 16 puntos en xogo, é dicir, o 100%. 

Eran outros tempos e aquel ano coincidiuse cun formato de Liga reducido, o que non lle resta mérito a aquel equipo lexendario dos irmáns Celso e Manolo Roca, Calpita, Manolo Vilaboy ou Bra, entre outros, que acabara gañando a Liga e despois ó Viveiro na fase de ascenso.

Outras primeiras voltas moi boas que se recorden foron a da campaña 1975-76 na Segunda Rexional, na que o equipo remata segundo a un punto do Cedeira e na que logra once vitorias, por un empate en Ortigueira e unha soa derrota en Mugardos na primeira volta. Suma 23 puntos de 26 posibles. 

Tamén, na 1965-66, en que se ascendeu á Terceira División empatado a puntos co campión Arsenal, logrou o Calvo Sotelo no primeiro tramo desa campaña na Serie A un total de dez vitorias, por un empate en Bueu, e dúas derrotas en Foz e na visita ao propio Arsenal. Sumou así 21 de 26 puntos en xogo. 

Que se recorden foron os mellores inicios. Lóxicamente co paso dos anos o número de equipos nas Ligas foise incrementando ata os vinte actuais, así como o número de xornadas, con maiores posibilidades de deixar puntos polo camiño, o que da mostra da valía da primeira volta deste CD As Pontes 2018-19. 

O máis aproximado que se atopa dende a distancia neste formato ligueiro e únha brillante primeira volta da campaña 1977-78 na Segunda Rexional, na que se logran trece vitorias, por tres empates e tres derrotas ante Perlío, Mercantil de Xubia e Galicia de Mugardos, é dicir, consíguense 29 de 38 puntos. 

Outros casos que tamén se lle aproximan acontecen en tres campañas históricas para o clube. Doce triunfos, catro igualadas e tres derrotas ante Castro, Dorneda e Mesón do Bento danse na campaña 2009-10 na Preferente Norte, o último ano no que se ascendeu, cun saldo de 40 de 57 puntos, contándose xa daquela tres puntos polos triunfos. 

Tamén un bo balance de once vitorias, por cinco empates e tres derrotas deuse na Terceira División no ano 1994-95, en que se ascendeu a Segunda B por segunda vez, como campións, conseguíndose 27 de 38 puntos posibles. Perderase ante o Deportivo B, Betanzos e Gran Peña.

No primeiro ascenso a Segunda B na campaña 1986-87, tamén como equipo campión, derase un saldo de dez triunfos, por seis empates e tres derrotas na primeira volta, ante o Arenteiro, Portonovo e Arousa, logrando polo tanto 26 de 38 puntos posibles. 

Por último, o máis recente que se recorde foi  outro balance de once triunfos, cinco empates e tres derrotas, ante Barbadás, Pontevedra e Arousa, que se deu na Terceira División da campaña 2013-14, na que o As Pontes quedara quinto clasificado, a un suspiro do play off, cuns magníficos 73 puntos, a só dous do campión Somozas e empatado co cuarto Pontevedra. Lograranse 38 de 57 puntos. 

Nova cortesía de Xose Ferreiro

También podría gustarte
Comentarios