Amigus
As Pontes

RESULTADOS CD AS PONTES SEMANA 29-30-31 MARZO

Vitoria do Feminino, Xuvenil B, Cadete e Benxamín B

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

FEMININO
CD AS PONTES-EFB AMISTADE MEIRÁS (2-1)

Gran partido do Feminino que gañou 2-1 ó terceiro clasificado Amistade de Meirás. Carlota adiantaba ás azuis ao pouco do comezo tras un disparo dende o borde da área que entrou tras petar no pau, e pese a que mediado o segundo tempo empataban as verdes por medio de Natalia, outro tanto da capitana preto do final deixaba os tres puntos na casa.

Rematan a Liga na oitava posición con 28 puntos, sumando 38 goles, anotados por Carlota e Paula Baamonde (8), Paula Castro (7), Noelia (5), Yoli (3), Alba e Carolina Rodríguez (2), e Carolina Paz, Nuria e Xeila (1).

Xogaron Alba, Yoli, Sara, Tania, Noelia, Carolina Rodríguez, Xeila, Paula Castro, Carlota, Paula Baamonde, Nerea, Carolina Paz.  

XUVENIL A
CD AS PONTES A-VICTORIA CF B (2-2)

Triste empate do Xuvenil A, ao que nunha xornada aciaga da canteira pontesa lle empataron no último segundo e na derradeira xogada do encontro, sen chegar a sacar de centro.

Nun encontro no que se adiantaban os visitantes de penalti e empataba Vicente antes do descanso, o lateral esquerdo David Otero poñía por diante ós azuis a pocuo do final, pero na última xogada do encontro rematou dende un lateral da área un futbolista visitante e o balón pasou por riba do porteiro. 

Suman 24 puntos antes de visitar ao penúltimo clasificado Arteixo nun partido clave. Xogaron Brais Mariño, Miguel, David Otero, Pablo, Breijo, Matías, Brais Dovale, Edgar, Vicente, Vilela, Jandro, e despois Cristian, Iván e David.

XUVENIL B
FC ORTIGUEIRA-CD AS PONTES B (1-8)

Rotunda goleada do Xuvenil B en Ortigueira 1-8, sendo o único equipo da canteira que foi capaz de gañar nesta xornada ao equipo colista. Quintos con 22 puntos reciben ó Narón B, oitavo. 

Xogaron, Fran, Elías, Antonio, Nono, Antón, Xoel (1), Andy, Jose (2), Derick (1), Mateo (1), Xan e despois Brais (2), Santi e Vicente (1).

CADETE
SRD PORTUARIOS-CD AS PONTES (1-3)

Triunfo do Cadete 1-3 na súa visita a Ferrol, con tantos de Jandro, Samuel e Sergio. Cuartos con 35 puntos reciben ó CD Narón B, terceiro con 39. 

Xogaron Mario Regueiro, Eloy, Xose, Riobo, Samuel, Mario Fraga, Luis, Hugo, Joan, Jandro, Adrián Piñón, e despois Sergio, Íker, Mateo e Edgar.

INFANTIL
CD CARIÑO-CD AS PONTES (9-6)

O Infantil pontés perdeu a Liga contra o último clasificado nun partido que gañaba 4-6, pero recibiu cinco tantos nos últimos 20 minutos. O equipo cariñés anotou tantos goles, que mesmo marcou dous na súa portería, os outros foron de Anxo Blanco (2), Antón e Israel Varela.  Polos locais Julián Lozano anotou seis. Non desaproveitou a oportunidade O Val B gañando 1-3 en Perlío nos últimos minutos.

ALEVÍN
EUME DEPORTIVO-CD AS PONTES A (4-4)

Empate 4-4 do Alevín A en Pontedeume, tantos de Sergio Vázquez (3) e Nico Meizoso. Quintos con 25 puntos, reciben ó Cariño, noveno.

BENXAMÍN
ÁNIMAS SCDR-CD AS PONTES A (2-2)
CD AS PONTES B-AD MIÑO (4-0)

Sorprendente partido do Benxamín A que empatou en Ferrol ante o Ánimas, equipo que consigue o primeiro punto en 14 xornadas de Liga, ante o equipo que era líder. Non se andivo con rodeos o Narón o Freixo, que gañou 12-2, e colleu o liderado. Triunfo do Benxamín B 4-0, tantos de Mateo Rego (2), Xoel Galego e David Otero. Sextos con 20 puntos, visitan ao Mugardos, quinto. 

PREBENXAMÍN
SDC GALICIA DE MUGARDOS-CD AS PONTES A (7-1)

O Prebenxamín A perdeu 7-1 na casa do líder Mugardos, tanto da honra de Brais Gómez. Terceiros con 23 puntos reciben ó Maniños, oitavo.  

Nova cortesía de Xose Ferreiro

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios