ROUPAR DE ABAIXO HONROU A SANTO ESTEVO
Esta fin de semana o barrio de Abaixo da veciña parroquia xermadesa de Roupar, moi preto das Pontes, celebrou o seu patrón, Santo Estevo, festa que se conmemora neste popular barrio rouparés dende hai moitos anos e que estivo organizada pola asociación de veciños do mesmo nome, entidade fundada en 1992.
Os festexos comezaron ó solpor do venres coa celebración da XVI edición da Festa dos Callos, un tradicional evento gastronómico que se une á Feira de Fungos e Cogumelos de Roupar de Arriba, que ten lugar a finais de outubro. A festa continuou cunha verbena amenizada polo grupo Aguazul e a orquestra Salsa Rosa.
O sábado iniciouse coa misa na capela de Santo Estevo á unha do mediodía, logo sesión vermú co grupo de gaitas Axóuxere, da propia parroquia, e verbena pola noite con Samba e Chicas Show e xa na xornada do domingo, a derradeira misa, procesión e sesión vermú co grupo Aguazul.
Tamén houbo actividade deportiva cun partido de fútbol feminino entre o Club Deportivo As Pontes e o Relúa de Xermade, vencendo as pontesas por dous goles a un.
COÑECER UN POUCO A PARROQUIA DE ROUPAR
Cunha superficie duns 25 km2 e 370 habitantes, Roupar é unha das dez parroquias que conforman o concello de Xermade. Linda coas de Lousada, Cabreiros e as pontesas de Aparral e San María das Pontes, e comprende trinta lugares e aldeas, sendo os máis habitados os da Casanova (con 92 habitantes), A Criba (35), O Reboredo (28), A Torre (17), A Ermida (15), Abeás (14) e O Aguillón (12).
Ten unha altitude media duns trescentos metros, aínda que hai cumes que superan os seiscentos, como O Castrillón (667) e O Pico (642). Está bañada polos regos do Campo, o da Torre e o de Porto da Vila.
Ó igual cas dos arredores, é unha parroquia rica en xacementos arqueolóxicos, como os castros de Castrillón, con restos de parapetos de pedra, o de Sucastro cun gran foso no que apareceron anacos de ladrillos e de cerámica para usos domésticos, e o máis importante, o das Medoñas da Graña, no que se atoparon muíños de man, construcións rectangulares, restos de cerámica, ósos de animais e carbón.
Durante a Idade Media o couto de Roupar, xunto co de Lousada, estivo sempre en disputa entre o señorío feudal e o eclesiástico. Fernando III confirmou en 1232 ó mosteiro de Meira este couto, que xa fora doado polo seu pai Alfonso IX. En pugna co dominio dos Andrade, foron os cistercienses quen se fixeron coas rendas disputándollas ós mosteiros de Meira e de Monfero.
A igrexa parroquial sufriu sucesivas reformas, destacando o retablo principal de tipo salomónico, con cinco fornelos na parte principal e un no ático. Cerca da aldea de Buscalte está a capela de San Miguel, de planta rectangular cunha talla do arcanxo que data do século XVIII. No lugar do Campo está a capela da Nosa Señora do Carme do Campo e na aldea da Ermida a xa citada capela de Santo Estevo, de construción sinxela e planta rectangular. Hai importantes cruceiros nos lugares do Campo, A Criba e Porto da Vila.
SEGUNDA XUNTANZA DE ROUPARESES
A vindeira cita festiva nesta bonita parroquia, con moitos vencellos con As Pontes, será o vindeiro 4 de xullo coa celebración da segunda Xuntanza de Roupareses, que este ano está adicada ás mestras e mulleres da parroquia, a quen os organizadores queren expresar nesta reunión de veciños o seu agradecemento polo calado labor realizado ó longo de tantos anos, xa que, sobre todo a elas, tocoulles vivir en tempos difíciles, pero que con ilusión, con esforzo e a base dun enorme sacrificio saíron adiante.
Roupar, 23 de Maio de 2010 (AF)
Nova cortesía de A.F