Amigus
As Pontes

SEGUNDA DIVISIÓN “B” DE FÚTBOL SALA: O ESTEO F.S. – C.D. MOSTEIRO DE BEMBRIVE F.S. (3-1)

Importante triunfo do Esteo ante o cuarto clasificado, aínda que os seus dous máximos rivais tamén gañaron.

O Esteo pontés deu un paso adiante cara a súa posible salvación. Hai que ter en conta que de perder onte practicamente quedaría abocado á terceira praza de descenso e con estes tres puntos mantén as súas posibilidades ata a derradeira xornada.

A pesar de que o conxunto de Vigo apenas chegou a As Pontes con sete xogadores plantou cara todo o encontro e de feito Javichu estivo moi atinado a un potente disparo de Yoni (4´) e salvou ante Mario, que se lle foi a Púas (7´).

Logo, nunha xogada de Ayala, Héctor, en boca de gol, remata ó pau, e no rexeite o propio Ayala dispara fóra (13´). A continuación Javichu saca co corpo un disparo de Jacobo, e foi o ex xogador do Cidade de Narón, Ayala, o que marcou pouco despois. Sácase un zapatazo que vai ó poste, recolle o rexeite, e marca un golazo de forte disparo dende fóra da área.

Chegaba o Esteo con perigo e a falta de tres minutos, nunha contra, Tucho tiraba cerca do pau. Foi faltando minuto e medio para o descanso que desmarcado Gerardo, recolle o balón, recorta a un defensa, pica ante a saída do porteiro e o balón acaba entrando, nunha xogada de Primeira División.

No segundo tempo os locais aguantaban as embestidas visitantes, e ademais, tras un disparo de Fran, empalaba Gerardo en boca de gol o 3-0 faltando apenas oito minutos, o que poñía o encontro en franquía.

Pero non se rendían os da Entidade Local Menor de Bembrive, que xogaron máis de dez minutos con porteiro xogador asediando ós locais, grandes paradas de Javichu a tiros de Jacobo e Berni, e apenas tiveron dous erros, nos que Héctor e Ayala estiveron a piques de marcar.

Non puido facer nada Javichu a un tiro cruzado de Jacobo a pouco do final, e faltando un minuto houbo un máis que posible penalti a Gerardo e na contra a piques estivo de chegar o 3-2.

En definitiva, Benavente, que venceu 8-4 ó Bueu, ten 32 puntos. Cistierna, que gañou 7-2 ó Cuellar, e Esteo suman 31. Xa descendidos Sala Ourense con 20 e Bueu con 17.

Na derradeira xornada o Benavente vai á cancha do líder e xa campión Noia, que leva nove vitorias consecutivas. O Cistierna visita ó quinto clasificado, Tres Cuñados, e o Esteo ó colista Bueu.

FICHA DO PARTIDO

O ESTEO FS: Javichu, Gerardo, Fran, Héctor, Ayala –cinco inicial- Púas, Cospe, Alberto, Tucho.

MOSTEIRO DE BEMBRIVE: Cuca, Jacobo, Berni, Mario, Yoni –cinco inicial- Borrajo.

ÁRBITROS: José Hevia Campa e Jesús Santoveña Hernández (Asturias). Na mesa Abel Molinero. Non houbo amoestacións.

GOLES: Min. 14 (1-0), Ayala. Min. 19 (2-0), Gerardo. Min.32 (3-0), Gerardo. Min. 37 (3-1), Jacobo.

INCIDENCIAS: Vixésima novena xornada de liga do grupo primeiro da Segunda División B e décimo quinto partido e derradeiro da campaña no Pavillón Municipal da Fraga, que rexistrou unha entrada duns 300 espectadores, entre os que se atopaba Noé Calvo Pardo, ex do Esteo e que xogou nas ligas de Hungría.

Nova cortesía de Xosé A. Ferreiro e AF

También podría gustarte
Comentarios