SEGUNDA DIVISIÓN “B” DE FÚTBOL SALA: O ESTEO F.S. – F.S. ZAMORA (4-2)

O equipo pontés remata o 2016 nunha magnífica sexta posición con 20 puntos

O Esteo pontés de fútbol sala gañou onte 4-2 ó histórico Zamora, equipo que militara na División de honra na 2009-10, e co que xa xogara na 2013-14, con 4-3 na Fraga e 3-3 de visitantes.

O equipo dirixido por Javi Saa remata este 2016 da mellor maneira posible, pois comezou moi mal a competición, con tres derrotas seguidas, pero nos nove partidos seguintes sumou seis vitorias, dous empates, por unha soa derrota, ante o Xove por 3-6.

No encontro de onte marchou ó descanso con 2-0 no marcador, ambos tantos de Púas preto do descanso, pero mediado o segundo período, os casteláns leoneses apertaban o marcador cun tanto de Morales.

Nos derradeiros minutos, Jaco enviaba un balón ó pau, pero foi faltando tres minutos, que nunha contra, Rober Paz, lanzaba un forte disparo dende fóra da área e o balón entraba polo escuadro despois de petar na cruceta.

Apenas dous minutos do final, sentenciaba Alex Garea, transformando un dobre penalti, trala sexta falta cometida polos zamoranos, que xogando con porteiro-xogador, só puideron anotar o segundo, por medio de Cerca, a escasos segundos do final.

Precisamente, nesta situación de cinco para catro, nun roubo de balón local, tamén puido marcar Jaco dende a súa pista, pero o balón deu no poste outra vez.

O equipo pontés é sexto con 20 puntos, e rematará a primeira volta visitando ó Albense, e logo tamén visitará ó Guardo no comezo da segunda.

FICHA DO PARTIDO

O ESTEO FS: Javichu, Jaco, Héctor, Lito, Rober Paz –cinco inicial- Gerardo, Púas, Alex Garea, Ayala.

F.S. ZAMORA: Imanol, Morales, Cerca, Andrés, Antonio –cinco inicial- Guille, Alex, Ibra, Iván, Zardoya.

ÁRBITROS: Adrián Calleja Rubio, Gael García Schmid e Abel Molinero Rodríguez (Asturias). Amarelas ós visitantes Morales e Zardoya.
GOLES: Min. 17 (1-0), Púas. Min. 18 (2-0), Púas. Min.28 (2-1), Morales. Min. 37 (3-1), Rober Paz. Min. 38 (4-1), Alex Garea, de dobre penalti. Min.40 (4-2), Cerca.

INCIDENCIAS: Encontro da duodécima xornada de Liga do grupo primeiro da Segunda División B disputado no Pavillón Municipal da Fraga, que rexistrou unha entrada duns 200 espectadores.

10ª XORNADA DA LIGA PROVINCIAL DE LUGO

O ESTEO F.S. “B” – S.D. SALTO DO CORO (Mondoñedo) (7-4)

Nova cortesía de Xosé A. Ferreiro e AF

También podría gustarte
Comentarios