SEGUNDA TERRITORIAL GALEGA: CR FENDETESTAS – CD ZALAETA ARTEIXO (38-19)

O equipo pontés comeza a Liga nos postos de arriba xunto a Crat B e Santiago

Comezou a Liga gañando o equipo pontés ante un vello coñecido coma o Zalaeta. Aínda se recorda o encontro de semifinais do play off da tempada pasada, hai uns meses, que acabou cun axustado 6-5 a prol dos ponteses fallando os visitantes un lanzamento a paus no último minuto.

Os verdes queren este ano ascender á primeira categoría do rugby galego; tras caer na final do play off a tempada pasada co Keltia Ourense e na repesca de hai un par de semanas ante o Muralla lucense, e comezaron o campionato con bo pé.

O cadro pontés anotou seis ensaios no encontro ante o conxunto de Arteixo, estando magnífico Antón con catro e Rober con dous. O xove Alberto Da Silva conseguiu oito puntos en catro lanzamentos a paus acertados.

Nos outros encontros da xornada o Santiago vencía 39-12 ó Universidade de Ourense B, mentres que o Crat A Coruña B gañaba ó Barbanza por un contundente 77-3. Descansaba o Universidade de Vigo B.

Lideran con cinco puntos os verdes xunto a Santiago e Crat B, ó sumar os tres equipos catro puntos pola vitoria, mailo bonus por número de ensaios.
A vindeira semana o equipo pontés desprázase a Ourense para a disputa da segunda xornada.

Nova cortesía de Xosé A. Ferreiro e AF

También podría gustarte
Comentarios