SEGUNDA AUTONÓMICA: C.D. AS PONTES B F.C. ORTIGUEIRA (3-1)
Importante vitoria do segundo equipo pontés ante un rival directo como o Ortigueira por tres goles a un.Nada máis comezar o encontro adiantouse o As Pontes por medio de Vilasuso e así se chegou ó descanso. Na segunda metade os do Ortegal apertaron e foron a polo empate, e estivo moi ben Iván, que no minuto 50 parou un man a man cun dianteiro visitante e no 59 unha perigosa falta.
No sesenta e cinco Fermín nada máis saír case marca tras unha filigrana que pillou ó porteiro rival descolocado e acabou saíndo por pouco por riba do longueiro. No minuto 71 o colexiado decreta penalti por supostas mans de Palas dentro da área e a pesar de que Iván case o para, o balón ía moi ben colocado pegado ó pau e acabou entrando.
Pero en apenas dous minutos o As Pontes sentenciou o encontro, entre Fermín e Narciso o guisaron, no 74´ pase da morte do primeiro que manda Narciso ó fondo das mallas tras petar no pau e no 76´ é Narciso quen centra para que marque Fermín chegando dende atrás. O equipo de Iván Rodríguez mantivo a vantaxe ata o final e sumou tres valiosos puntos ante un rival directo.
Queda moi bonita a loita polas primeiras prazas nesta categoría e máis animada tralo empate a ceros entre os dous primeiros clasificados e así agora hai sete equipos distanciados en cinco puntos. Así, lidera Rápido de Neda con 48 puntos, Miño 47, logo As Pontes, San Mateo e Ortigueira teñen 44, o Cariño, que vai lanzado con cinco triunfos seguidos, e o Numancia de Ares, suman 43. O oitavo que sería o Galicia de Caranza xa marcha moi lonxe, con 33 puntos.
Os azuis visitan a semana que vén ó Cariño. Se na ida foron capaces de gañar 2-1 no Poboado, pódese pensar en tentar sacar algo positivo da visita.
Xogaron polo As Pontes B: Iván Parapar, Ferreiro, Palas, Totti, Carlos, Moya, Marcos Novo (Fermín, 64), Vicente (Narciso, 71), Púas, Adrián Vilasuso (Cristian, 60) e Borja (Hugo, 82). Por parte do Ortigueira: Julian, Javi, Borja, Pablo, Moreno, Alberto, Junior (Beckham), Josiño, Pita, Aitor e Rodrigo (Giz). Dirixiu o partido o árbitro ferrolán David Brito Regadera. Preto dun cento de afeccionados no anexo do Poboado, con presenza de seguidores ortigueireses.
Nova cortesía de A.F.