SEGUNDA CONFERENCIA DAS III XORNADAS DE HISTORIA LOCAL DE AS PONTES: ALGÚNS DATOS DO FREIXO E DO APARRAL NOS SÉCULOS XVII-XVIII E XIX

Na segunda conferencia das III Xornadas de Estudios Históricos acompañounos o profesor José Luis Novo Cazón, actual presidente do Instituto de Estudos Chairegos, achegándonos á relación entre a historia de Vilalba e a de As Pontes. Amosounos moitos datos das feligresías de O Aparral e O Freixo, perfectamente contextualizados en explicacións que nos axudaron a ubicarnos no tempo histórico.
Ás seis da tarde, antes da Conferencia, quixemos acompañar ó conferenciante ó Museo Etnográfico do Monte Caxado para que desfrutase das pezas que alí se atopan.
Xa na conferencia dixéronsenos moitas cousas. Iniciouse situándonos no contexto da comarca nos tempos medievais, cando os señoríos de Vilalba e o de As Pontes compartían as mesmas familias que os rexentaban.
Explicounos aspectos comúns de ambas vilas, e ata como no século XIX pasan á casa de Alba dende a casa de Lemos.


conderencia.jpg

O APARRAL
A continuación déronse varios datos sobre o Aparral. Explicouse coma ata o 1811, en que un Decreto das Cortes de Cádiz suprimíu os señoríos xurisdiccionais, Aparral formou parte do Condado de Vilalba, sendo unha das 35 parroquias que compoñían este Condado.
Remitíndose a documentación dos Arquivos de Simancas,e ó do Reino de Galicia, explicounos a función do alcalde pedáneo que se responsabilizaría de cada unha desas parroquias, e que tiña a importante función de distribui-los impostos.
En 1533 o partido ó que pertencía Aparral tiña “56 veciños”, o que equivalía a dicir 56 casas. Temos que lembrar que entrarían outros barrios coma Piñeiro neste dato. Ese mesmo partido tería 183 habitantes no 1709.
Referíndonos propiamente a Aparral teriamos que no 1709 había 101 habitantes, e no 1753 contaríanse en 131 habitantes, dato que resulta curioso porque a poboación de Galicia sufríu unha significativa disminución durante a primeira metade do século XVIII, pero Aparral, en contra do común, medrou naquel intre.
Ainda así sería unha das zonas menos poboadas do Condado de Vilalba con 9 habitantes por quilómetro cadrado.
En 1753 existían en Aparral 32 casas, 17 delas eran casas “con alto”, é dicir casas que constaban de pranta baixa e pranta alta, o que as convertía en casas con certa importancia e acabado, fronte ás outras 15 restantes que eran “terreas” (dunha soa pranta). Esta estadística é suficientemente alta como para considerar que o nivel de edificación estaba avanzado para a época.
Ademais os veciños de Aparral podían considerarse privilexiados porque tiñan un batán dos catro que existían en todo o Condado de Vilalba na época.
Contaban tamén cun “artefacto de lagar donde se cuece la escoria de la cera”, que pertencía a Miguel Preto de As Pontes.
Cóntase que nesta época había moitos fidalgos e cregos e poucos traballadores, especialmente isto se di de San Simón da Costa. No caso de Aparral o crego era Antonio Cabarcos, que era o podente do pobo que o aforaba. Era un crego patrimonialista, dono de preto de 600 ferrados de terra e dun muiño en Cabeza de Fornos.
Era propio da época xuntarse despois da misa maior a emborracharse nas tabernas, e mercar nelas o viño. A taberna naquela época era comunal, pertencía ós vecinos e era alugada a un para quitarlle partido. Nesta zona un dos productos máis mercados nas tabernas era a augardente do Ribeiro e de Lemos. A taberna de Aparral atopábase no barrio de Pedregás, preto lóxicamente da Igrexa Parroquial.
Pola visita pastoral do Bispo Alfonso Mesía de Tovar (1612-1616) no 1613 a Aparral, sabemos que xa existía nese tempo a Capela da Santa do Carballo, e que contaba cunha capelanía dentro dela adicada a San Xoán.
O APARRAL NA OBRA DE ANA MARÍA CUBA REGUEIRA
Ainda que non fixo alusión a esta obra, gustaríame citala porque aporta interesantes datos sobre o Aparral, e trátase dun arduo e valioso traballo realizado precisamente pola esposa de José Luis Novo Cazón, que tamén nos acompañou entre o público nesta conferencia.
Polo libro de Ana María Cuba Regueira, “El Condado de Vilalba en el Antiguo Régimen”, Xunta de Galicia 2005, sabemos sobre Aparral que:
o número de familias ou de “agregados domésticos”, coma prefire denominarlle a autora, é de 19 en 1635, 30 no 1709, 33 no 1753. Que o seu batán era de propiedade individual e cun rendemento de 100 reais de vellón. Que o 29, 81 % das terras estaban aforadas (6 foros en total no Aparral), e que os foreiros eran fundamentalmente dous. O primeiro dos foreiros era o presbítero citado (Antonio Cabarcos) e o segundo o Mosteiro de Monfero. Eran foratarios Domingo Paz, Jacinto Franco, Felipe Silva, Andrés Paz, María do Castro, Pedro da Pena. Tiñan unha extensión de terra total aforada de 798, 09 ferrados.
O crego Antonio Cabarcos posuía 551, 08 ferrados de terra, da que tiña en aforamento 465, 16 ferrados.
No 1753 Aparral producía en horta 107,00 reais de vellón (1, 83 % da producción), 4.162,33 reais de vellón en labradío (71, 21%), 142,00 en regadío (2, 42%), 240,00 en secano (4, 10%), 18,00 en bosque (0,30%), e o restante en monte.
Nos datos das Cofrarías, apórtase que a Cofraría de Ánimas de Aparral contaba (en 1753) con 21 vacas, 47 ovellas, 7 cabras, 4 cochos, e 12 colmeas.
Existiron 8 muiños no Aparral. Un en Cabeza de Fornos, probablemente propiedade de Antonio Cabarcos, que producía 60 reais de vellón. Outro que figura coma no Aparral e que sería tamén do crego Antonio Cabarcos, que tiña unha actividade de catro meses e cunha producción de 40 reais de vellón. Un terceiro no Cornocelo, que era do Mosteiro de Monfero, cunha actividade de catro meses e cunha productividade de 40 reais de vellón. Un cuarto no Novil, rexentado por Ignacio Criado e que tiña unha actividade de catro meses, producindo tamén 40 reais. Un sexto en Pedrafita, rexentado por Salvador Ares, que tiña 4 meses de actividade e cunha producción de 50 reais. Outro na Besura, rexentado por Margarita Pernas, con seis meses de actividade e 60 reais de vellón de productividade. E un octavo en Precordeiro, rexentado por Marcela González, con catro meses de actividade e 60 reais de vellón de productividade. Todos eles eran dunha roda.
A taberna dos Pedregás estivo arrendada a Manuel Fernández, por unha renda de 15 reais de vellón, e non funcionaba no 1753.
O único fidalgo de Aparral era Francisco Saavedra, xuiz ordinario no coto de Roupar.
O FREIXO
Voltando á conferencia, nunha segunda parte, o profesor José Luis Novo Cazón, achegounos ás terras do Freixo, e fíxoo a través da Casa de Pude-Solloso. Amosándonos cómo uniron os Montenegro históricamente o Freixo-As Pontes coa Terra Chá. Nos documentos imos atopando pegadas de cómo nos falecementos dos da casa de Pude as herdanzas recaían na casa de Solloso e viceversa. Mesmo houbo matrimonios entre ambas casas.
Probablemente o primeiro solar/casa dos Montenegro se atope en Seixas (Cospeito). A zona que abrangueron os Montenegro foi moi extensa, e non sería descartable a súa procedencia de tenentes ou meiriños de Mondoñedo.
O poñente remitiunos á obra de Antonio Fraguas “Os colexiados de Fonseca”,para coñecer ponteses que cursaran estudos en Santiago, entre os que destacou algún dos Sanjurjo de Montenegro.
A continuación foinos desmenuzando a xenealoxía dos Montenegro, falounos das súas tumbas funerarias na capela de San Ildefonso de Santiago de Viveiro, daqueles descendentes que foron correxidores de Viveiro e de Mondoñedo, e mesmo do Comisario do Santo Oficio e crego do Freixo “Roi Díaz Sanjurjo de Montenegro”, que interveu contra un crego de Lanzós que vivía en Concubinato en Ladra.
Destacou entre os descendentes dos Sanjurjo de Montenegro do Freixo ó Capitán Sanjurjo de Montenegro (S.XVIII), que foi un grande erudito que contou cunha completa e singularísima biblioteca para aquela época.
Achegounos á fundación da Capelanía da Concepción no 1566 no Freixo, e salientounos que era característico dos Montenegro ese culto á Inmaculada, e que así a foron ubicando por onde ían pasando. Explicounos as razóns da época, dentro da mentalidade do momento, para a fundación de capelas, destacando o papel do temor expandido ó purgatorio naqueles tempos.
A continuación falounos da fundación da Capela da Pena de Francia por parte dos señores de Solloso e Montegro, ubicada no entorno da súa residencia no Freixo.
Contounos coma a vaga pestífera do 1598 potenciou o culto a San Roque, que ten unha marcada presencia nas cofrarías fundadas na época, e nas capelas no entorno de As Pontes.
Destacounos que as obras do retablo de O Freixo, as andas da Virxe do Freixo, así coma o retablo da Peña de Francia, foron realizadas polos Guntín de Vilalba a finais do XIX, utilizando os deseños que lles vai a realizar un pintor Vilalbés destacado: “Chanot”, do que o profesor José Luis Novo Cazón é bo coñecedor e anda a documentar. Esas obras realízanse por mediación do crego do Freixo, o tamén vilalbés Tomás Crecente Vega.
A TORRE-ESPADANA DE APARRAL
Para finalizar, os veciños de O Aparral preguntáronlle acerca do característico campanario de O Aparral. Contounos como a actual Igrexa é máis ben tardía, probablemente dun XVII-XVIII, e que o campario fai referencia a unha antiga Igrexa, probablemente o campanario é o que sobrevivíu dela e chegou ata nós. A datación é difícil, pero podería proceder do XII-XIII-XIV?
campanario-aparral.jpg

Ampliando a resposta de José Luis, e moi dacordo coa súa datación da Igrexa no XVIII e a súa opinión acerca do carácter do campanario, gustaríame presentarlle ós vecinos de Aparral o que se publicou sobre ese campanario cando se restaurou no 1999 en que o diario “A nova Unión” publicaba no seu número de decembro o que segue:
“Os veciños de Aparral celebran o 4 de decembro a reinauguración da súa Igrexa e a Torre-Espadana, unha construcción que durante este ano 1999 pasou por un proceso de rehabilitación tan necesario como urxente debido ó seu avanzado deterioro. A situación do templo, da época medieval, sufrira un serio empeoramento en 1997, debido ós movimentos sísmicos que azoutaron Galicia. A Torre-Espadana en particular estaba moi afectada e ameazando ruina total dende ese momento. O párroco da zona e cronista oficial de As Pontes, D. Enrique Rivera Rouco, será o encargado de oficia-la primeira misa no remozado templo.
É significativo que esta Igrexa goza da prerrogativa de “Igrexa de Refuxio”, privilexio real outorgado en 1760 pola súa Maxestade Carlos III, segundo o cal os perseguidos pola xustiza, se si acobillaban no seu interior, non podían ser capturados sen licencia expresa do Bispo. Nesta bisbarra só hai outra Igrexa con esta distinción: a de As Somozas.
A restauración do templo foi realizada polo Mestre de Obras pontés, Amador Peón Otero, dotándoo dunha nova teitume na que empregou madeira excelente de castaño e lousa fina de Loiba (Ortigueira).
A Torre-Espadaña recibíu unha maxistral consolidación, proxectada polo Enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos, Antonio González Serrano e dirixida polo Arquitecto de Euro-Eume, José Manuel López Leira. A obra foi executada pola empresa “Gareor” de A Coruña, mediante cosidos radiais de cabilla e inxección de 135 sacos de cemento, convirtindo a cámara interior nun bloque monolítico inamovible, conforme ó método italiano do Mestre Fernando Lizzi, usado nos grandes monumentos de Roma, Bolonia, Nápoles, etc.
O amaño da Igrexa foi custeado con aportacións do programa Proder, a Deputación Provincial e con donativos veciñais. Ademais varias empresas e familias pontesas fixeron xenerosas contribucións. O orzamento das obras foi de 5.200.000 pts, e subvención do PRODER foi a máis cuantiosa, cuns 4 millóns”.
A DESAPARICIÓN DO VASO CAMPANIFORME DE AS PONTES
vaso_campaniforme_as_pontes.jpg
vaso.jpg

Rematada a conferencia, entregóuselle ó profesor José Luis Novo Cazón un agasallo conmemorativo e significativo da nosa vila, en concreto unha reproducción do vaso campaniforme, reproducción dunha peza orixinal e única, destacadísimo referente do neolítico en España e que, desgraciadamente, falta dende hai varios anos do estante da Universidade onde estaba depositado.
Descoñécese o paradeiro desta singular peza que nos representa ós ponteses, e que non é nin máis nin menos que a significación do que acontece coa maior parte do patrimonio desta vila. Patrimonio que de seguir descoñecendo e minusvalorando, acabarase perdendo para sempre. Non fai falla ser emigrante para dicir agora aquelo de “vendéronlle os bois, vendéronlle as vacas, o pote do caldo, e a manta da cama…”
Xabier Martínez, nos derradeiros intres do Círculo Lítico

También podría gustarte
Comentarios