Triunfo agónico pero xusto e merecido do Esteo diante do Noia, segundo clasificado do grupo, que lle permite ó cadro pontés situarse nunha inmellorable posición na clasificación para manter a categoría. O partido estivo moi disputado, pero con mellores ocasións para os ponteses, que anotaron o primeiro gol ós sete minutos de xogo por mediación de Rubi. Logo viñeron tres boas ocasións de Fran, Rober e Bolly. Sen embargo, a dous minutos do descanso Quique lograba empatar para os noieses.
Na segunda metade a tónica do xogo seguiu sendo a mesma, maior dominio local ante un Noia que individualmente amosábase superior e que en certos momentos puxo en apuros ó meta que defendeu ben Chotto. Nada máis comezar este segundo tempo Héctor lograba o segundo gol do Esteo e uns minutos despois o Noia sacaba porteiro xogador, función que cumpriu ben Marquitos, que foi o mellor do seu equipo. Trala expulsión de Álex, os visitantes quedáronse cun home menos, circunstancia que non aproveitaron os locais e si os visitantes que logran empatar o partido ós trinta minutos por mediación de Pepe tras unha perda de balón no medio do campo. Logo viñeron claras oportunidades para os ponteses nas botas de Fran, Gerardo e Rober. Tamén tivo as súas ocasións o Noia, sobre todo nun disparo de Marquitos que se foi ó longueiro. Gerardo tamén mandou ó poste un balón de tiro cruzado. Cando o partido se atopaba nunha fase de continuos contraataques nunha e outra portería chegou o terceiro tanto local a falta de tres minutos para o remate, que ó final sería o do triunfo definitivo do Esteo. Foi nun contragolpe que finalizou maxistralmente de cabeza Rober Paz.
En definitiva, xusto e merecido triunfo do Esteo que o coloca na sétima posición empatado a puntos co Guardo, que nesta xornada perdeu na casa diante do conxunto vigués do Bembrive.
FICHA DO PARTIDO
O ESTEO FS: Chotto, Gerardo, Fran, Rubi, Rober Paz cinco inicial- Pelu e Bolly.
NOIA FS: Carlos, Quique, Álex, Diego Pernas, Marquitos cinco inicial- Marcial, Pepe e Romario.
GOLES: Min 7 (1-0), Rubi. Min. 18 (1-1), Quique. Min 21 (2-1), Héctor. Min 29 (2-2), Pepe. Min 37 (3-2), Rober Paz.
ÁRBITROS: Carreira Romero e Manteiga Rodríguez, da Coruña. Amoestaron ós visitantes Carlos, Diego Pernas e Álex, que recibiu a vermella directa no minuto cinco da segunda parte por unha forte entrada a Rubi.
INCIDENCIAS: Partido da 22ª xornada de liga de Segunda División B disputado no pavillón municipal da Fraga ante uns cento cincuenta espectadores nas gradas que saíron satisfeitos do xogo realizado polo seu equipo.
Nova cortesía de A.F.