SEGUNDA REXIONAL: CD AS PONTES 1 MEIRÁS CF 1
Visitaba o líder Meirás na tarde de onte o Campo do Poboado para enfrontarse ó segundo equipo pontés.
Non están tendo un fácil comezo na categoría os rapaces de Calpita. Unido ó lóxico salto de calidade dunha categoría moito maior están ás grandes dificultades que está a ter o plantel nestes inicios.
O mellor porteiro da categoría, Iván Parapar, deu o salto ó primeiro equipo, a pesar de que Juan está a ter un sensacional rendemento.
Os maiores problemas están na zona ofensiva, marchou Pedro, todo un referente no clube e peza clave no ascenso do ano pasado, gracias, e por diversos motivos faltan o talentoso creador Adrián Criado e o lesionado goleador Púas. Amady tamén marchou ó Roupar, así que o equipo so conta cun dianteiro, bastante bo por certo, Borja Pereira, coa axuda por veces de Fernando, que realmente é un extremo moi habilidoso. Aínda así, a día de hoxe polo menos contan cun dianteiro nato, que o equipo feminino nin esa sorte ten.
Aínda asi, a marcha do equipo, salvo un par de derrotas contundentes, é máis que aceptable.
No encontro de onte xogaron bastante ben, na primeira metade tiveron algunhas ocasións claras, anque o líder Meirás demostrou ser un conxunto sólido, moi ben pertrechado atrás, e en todas as súas liñas, que aproveita moi ben as contras e asi se adiantou no marcador.
Pero os azuis non lle perderon a cara ó partido e no segundo tempo seguiron buscando o tanto do empate, ata que a falta de dez minutos, o ex xogador do As Pontes do Xuvenil de División de Honra e da selección galega sub18 Moyá deu un gran pase en profundidade a Borja, este regatea ó porteiro e marca o tanto do empate.
O mesmo Borja puido dar o triunfo a pouco do final cando nun escorzo se adianta á saída do porteiro pero o seu disparo sae a rentes do pau.
O marcador non se moveu e o segundo equipo do As Pontes logrou un honroso punto ante un líder que, a día de hoxe, leva 5 puntos de ventaxa sobre o segundo clasificado.
Calpita formou con Juan, Xabi Pellón, Alex Antón, Carlos, Fran, Mourín, Moya, Danilo, Borja, Junior e Fernando. No segundo tempo saíron Hugo Gegundez e Guille por Mourín e Danilo.
Os azuis, que marchan decimosegundos con 11 puntos distribuidos en 2 victorias e 5 empates visitarán a semana que vén ó Barallobre que marcha decimoquinto.
Nova cortesía de Xose Ferreiro e A.F.