Amigus
As Pontes

Só un 19% dos ordenadores ten a protección adecuada

Case o 40 por cento das pemes españolas non ten antivirus ou non o ten actualizado adecuadamente e, en canto ó segmento que non sabe se ten protección, máis do 25 por cento dos consultados afirma que descoñece o seu grao de seguridade vírica


Por mor do último andazo vírico, protagonizada por Bugbear.B, Panda Software levou a cabo un estudio en todo o territorio de España dos resultados do cal se desprende que máis do 50 por cento dos usuarios españois carecen de protección antivirus, e unha gran porcentaxe destes nin sequera saben que deben protexerse contra estes bechos.
No sector doméstico só un 19 por cento dos ordenadores están protexidos adecuadamente contra ataques víricos, fronte a un 55,87 por cento que non ten antivirus ou non o ten actualizado adecuadamente.
En canto ó segmento que non sabe se ten protección ou se esta conta coas actualizacións correspondentes, un 25,04 por cento dos consultados afirma que descoñece o seu grao de seguridade contra este tipo de ataques informáticos.
En canto ó nivel de protección presente en pequenas e medianas empresas (de 25 ou menos PC) refírese, só un 32,09 por cento ten os seus ordenadores perfectamente protexidos, fronte ó 39,39 por cento que non ten antivirus ou o ten sen actualizar.
Case un 30% non sabe se ten protexido o ordenador
Case que o trinta por cento non saben se ten protección, ou se esta detecta e desinfecta puntualmente os últimos virus que aparecen. Estas porcentaxes diminúen porcentualmente conforme aumenta o número de ordenadores, o que indica que a preocupación polos virus e os seus efectos aumenta canto máis grande é a empresa e maior é o número de aparellos.
Moitos non mercan antivirus por navegaren pouco por Internet
Segundo o devandito informe, os tres principais argumentos nos que os usuarios basean a súa decisión de careceren de protección contra os ataques víricos son, nun 38 por cento dos casos, que non a necesita debido ó pouco uso que fan de Internet, e ó feito de que só se conectan a sitios coñecidos ou intercambian correo con amigos e familiares.
En segundo lugar, un 28 por cento dos enquisados declarou que descoñecía o tema e non lle preocupaban os efectos dos virus. Por último, o 20 por cento dos entrevistados explicou que tiña a percepción de que as solucións antivirus dispoñibles no mercado eran caras.
Totalmente indefensos ante as ameazas do exterior
Unha das consecuencias inmediatas de que un gran número ordenadores carezan de protección adecuada é que se atopan totalmente indefensos ante a ameaza que representan os virus informáticos, aínda que se trate de exemplares veteranos como Klez, Nimda ou Funlove.
“Existe”, declara José Manuel Crespo, asesor de seguridade da empresa experta neste tipo de ferramentas antivirus Panda Software, “unha urxente necesidade de concienciar os usuarios acerca do problema e das súas consecuencias, e de que coñezan e instalen a solución que mellor se adapte ás súas necesidades de protección”.
Campaña ‘¿Está a súa información protexida?’
Ante isto, Panda Software lanzou a campaña ¿Está a súa información realmente protexida? e lanza o Antivirus Checker, unha nova ferramenta de uso gratuíto e on-line, dispoñible en www.pandasoftware.es/protegido, que informa a todos os usuarios que acudan á arañeira para baixáreno e o utilicen do estado de protección do seu ordenador, indicándolle se ten antivirus instalado e cal, e se este se atopa actualizado e, polo tanto, se mantén o equipo totalmente a salvo dos posibles ataques víricos que poidan producirse.
Fonte: galicia-hoxe.com

También podría gustarte
Comentarios