Amigus
As Pontes

Tempo dos Irmandiños

Mañán, se non me equivoco (e penso que non) celébrase en Moeche o Festival Irmandiño e, se cadra, viría ben, para quen vaia e non coñeza a historia, ou simplemente para coñece-la historia aínda que non se vaia, saber algo máis sobre os Irmandiños.


O esplendor dos séculos centrais da Idade Media en Galicia comezou a decaer a finais do século XIII, coa morte de Afonso X o Sabio (autor das cantigas de Santa María, a última gran obra poética medieval escrita no noso idioma, o galego). Ao longo do século XIV sucedéronse pestes (como claro exemplo atopamos a famosa “Peste Negra”, sucedida, aproximadamente, no ano 1348 e que chegou ata a península en naos xenovesas que comerciaban con Oriente; Os efectos foron claros, morreu máis dun tercio da pobocación en toda Europa, especialmente no Mediterráneo, moitas herdades e campos resultaron abanonados, pois non había quen as traballase; Houbo, ademáis desta, outras graves pestes, así no ano 1387, o duque de Lancaster fuxíu de Ourense porque a peste afectou ao seu exército), fame e guerras no Reino de Galicia, o que provocou grandes e profundos conflictos sociais que deron lugar ás Guerras Irmandiñas no século XV.
No ano 1418 comezan a abrollar nalgunas vilas diversas organizacións coñecidas como “Irmandades”. O que sobre o papel eran accións dirixidas a protexe-la orde pública, convirtíronse en levantamentos contra o señorío eclesiástico e a favor da condición realenga. Os acontecementos neste momento son confusos, mais en Santiago os gremios chegaron ao control do concello e na cidade de Ourense cercaron ao bispo na catedral, onde morreu ao ano seguinte.
O nome das Guerras Irmandiñas provén precisamente destas Irmandades, compostas xeralmente por xente das vilas e das cidades (seguindo o exemplo das que había noutras zonas da Coroa de Castela). As irmandades eran fomentadas e, senón fomentadas si autorizadas polo propio rei como unha forma de combate-la posición da nobreza. En Galicia rexístranse, no século XV, dúas Irmandades, que deron lugar a ámbalas guerras.
A Primeira Guerra Irmandiña, que deron en chamar “fusquenlla” os seus inimigos, escomezou no ano 1431 en terras do señorío da casa de Andrade. O titular desta, Nuno Freire de Andrade, era alcumado “O Mao” debido á dureza coa que trataba aos seus vasalos, quenes o consideraban “un señor moi forte e duro” que “non podían comportar”. Os constantes abusos e extorsións eran a causa deste movemento contra a casa de Andrade, mais o detonante foron unhos novos impostos especiais. Iniciada a revolta nas comarcas de Pontedeume e Betanzos, chegouse a espallar polos bispados de Lugo e Mondoñedo. Os Irmandiños derrubaron diversas fortalezas, entre as que estaba o castelo dos Andrade en Betanzos. Estos Irmandiños foron dirixidos por un fidalgo da Coruña chamado Roi Xordo, calificado de “capitán sagaz, prudente e valoroso”.
Esta Primeira Guerra Irmandiña pódese considerar coma un ensaio da posterior, a Segunda Guerra Irmandiña, tamén coñecida coma a Gran Guerra Irmandiña: «fixeron todos unha irmandade e por toda a terra lles chamaban os irmáns e andaban así poderosamente facendo moi grandes danos e males na terra, que nas rendas do Rei nin contra a súa xustiza non tocaban», asegura o cronista Pérez de Guzmán.
A Segunda Guerra Irmandiña desenvolveuse entre os anos 1467 e 1469. De carácter xeneralizado en toda Galicia, tivo consecuencias máis profundas cás da Primeira Guerra Irmandiña.
As razóns de constituír de novo irmandades en Galicia derivan do apoio prestado polo Rei Henrique IV ás cidades, atendendo á petición de Xoán Branco, un dos principais líderes deste movemento. En tódalas vilas, cidades e lugares do Reino foi pregoada a existencia dunha irmandade. A difusión das irmandades foi tal que, segundo testemuñas do momento, as cifras que se contaban para o exército irmandiño apuntaban 80.000 homes armados en toda Galicia. Mais as verdadeiras razóns para a constitución e difusión deste movemento irmandiño atopábanse na situación do Reino. A condición belicosa da nobreza dos cabaleiros, así coma a súa práctica das encomendas eclesiásticas, provocaron a desunión e prácticamente a anarquía no seo das élites dominantes galegas, así coma a sensación de inxustiza e inseguridade. Un dos primeiros obxectivos dos Irmandiños foi restablece-la xustiza e logra-la seguridade dos moradores das vilas fronte ás extorsións dos cabaleiros. De feito, as testemuñas do preito Tavera-Fonseca (un proceso judicial que Tavera iniciou contra Alonso de Fonseca, o seu antecesor na sede compostelana, sobre os costes de reconstrucción e reparación das fortalezas e casas fortes do arzobispado de Santiago; ámbalas dúas partes aportaron na defensa dos seus intereses, testemuñas de persoas, das que a maioría viviron directamente os sucesos irmandiños) insistían en que a persecución dos ladróns e malfeitores era o obxectivo prioritario das irmandades, o que levou á práctica demasiado estricta da xustiza.
Mais, sen dúbida, a principal acción dos irmandiños foi derrubar torres, casas e fortalezas dos señores. O asalto ás fortalezas (símbolo, a nivel local, do poder señorial, onde se aloxaban as tropas e delegados territoriais do señor; a súa posesión supón o control da comarca circundante) feito “todos a unha” durante todo un ano. Non se sabe certeiramente, mais estímanse entre 140 e 155 as fortalezas que derrubaron. En todo caso, os irmandiños atacaban os símbolos que representaban o poder da nobreza dos cabaleiros, respectando as igrexas e mosteiros, no que os abades monásticos e os prelados galegos viron a oportunidade para se liberar la protección e encomenda que lles prestaban aos cabaleiros contra a súa voluntade.
Os obxectivos dos Irmandiños permiten saber cales eran as súas bases sociais. Na organización e desenvolvemento do movemento irmandiño participaron activamente tres grupos sociais: campesiños e vasalos (polas malfeitorías e inxustizas dos señores), moradores das cidades (interferidos constantemente polos cabaleiros) e baixa nobreza e hidalguía emergente (grupo no que estaban os principias dirixentes irmandiños: Alonso de Lanzós, Pedro Osorio e Diego de Lemos).
Os irmandiños gobernaron Galicia durante uns dous anos e lograron que os nobres máis destacados e importantes abandonasen o Reino de Galicia. Foi o que unha testemuña de Betanzos tenta en calificar coma “o triunfo dos gorrións, da xente común”, que facía xustiza e loitaba contra “os falcóns”, que eran os cabaleiros e os grandes señores. O conde de Camiña, Pedro Madruga, tívose que refuxiar en Portugal e o conde de Lemos, de gran poderío, en Castela, mais acabaron volvendo ás nosas terras e derroucando aos irmandiños. No 1469 Madruga trae de Portugal un exército con modernos arcabuces e o conde de Lemos xunto co arcebispo Fonseca encabezaron outros exércitos que lograron esta victoria sobre os Irmandiños, así coma deter ou asasinar aos seus dirixentes.
Esta rápida victoria demorou algún tempo nas cidades e os seus efectos víronse freados polo preito dinástico que se desencadeou no ano 1474. Nas cidades os Irmandiños aguantaron aínda un ano máis, o tempo que tardou Fonseca en entrar en Santiago de Compostela e os Andrade en Pontedeume. A represión dos nobres non foi tan brutal coma a que se fixera trala primeira guerra, aínda que nalgúns casos obrigaron aos irmandiños a reconstruír fortalezas carrexando as pedras, máis non tódolos señores decidiron facer isto e, aínda que así fose, non habería tempo para logralo, precisamente pola etapa de conflictos que se abre en Galicia no 1474, que remata coas reformas de 1480, ordeadas polos Reis Católicos.
E, en conmemoración aos irmandiños, vense celebrando desde o ano 1980 cada terceiro sábado do mes de agosto o Festival Irmandiño en Moeche, no que se pretende, segundo a asociación de veciños “castelo de Moeche” (que organiza dito festival), «conmemorar e reivindicar, cun carácter festivo, o movemento Irmandiño, coas súas características de unión e defensa dos intereses populares». Entre os festejos propios das festas do verán, esta trata de recuperar antigas historias, exaltando neste caso a rebelión dos vasalos oprimidos polos señores feudais. O asalto simbólico á fortaleza faise cara a medianoite, cos “irmandiños” armados con antorchas, mentres o público pode participar en diferentes actos típicos das festividades galegas: sardiñadas, conxuntos musicais, danza e, sobre todo, diversión.

También podría gustarte
Comentarios