TERCEIRA DIVISIÓN. CD AS PONTES 1 – RC DEPORTIVO DE A CORUÑA B 2

O As Pontes remata a Liga décimo con 49 puntos.

Triunfo do filial herculino na súa visita ao Poboado na última xornada de Liga.

Poñíaselle o encontro de cara ós de Manuel Mosquera pois o colombiano Juan Ferney Otero marcaba de forte disparo dende a frontal do área cando apenas se levaban tres minutos. Gran gol do xogador que disputou o Mundial Sub20 do ano pasado coa súa selección.

Puideron anotar o segundo os branquiazuis, pois despois é Pinchi quen avanza só e se anticipa Marcos (4´). Nunha xogada do medio centro ex culé, Pol Calvet; que xogou o Preeuropeo Sub17 do 2011 con xente coma Saúl Ñíguez, Deulofeu, Denis Suárez, ou o seu propio compañeiro o gardamallas David Gómez; cedella en profundidade por banda ó ex madridista Marcos Legaz, ex internacional español sub17 do 2012, pero o seu disparo despexao Marcos (8´). O mesmo xogador, proba de vaselina, pero vaise fóra (19´).

Foi o As Pontes o que conseguiu o empate pouco despois, nun balón que pelexa Alex Cabarcos, non o deixa marchar por liña de fondo, centra, e cabecea a gol Pablo Ramos (20´). Incluso Dani puido marcar nun balón que desvía un defensa e se vai preto do poste (28´).

Pero volveron a avisar os de Manuel Mosquera nun pase de Otero para Pinchi ó que se adianta outra vez Marcos (29´), pero na posterior xogada, tras un cambio de banda a banda, incorporase o lateral dereito Blas, que pica ante a saída do porteiro, e o balón acaba entrando (30´). Antes do descanso, outro zapatazo de Otero dende fóra da área que marcha por alto (41´).

No segundo tempo, a pesar de comezar cunha boa xogada na que disparou Alex e atallou Anxo en dous tempos (46´), seguiu dominando o filial herculino e así, nunha falta, Corredera manda o balón ó lateral da rede (57´).
Xa nos últimos minutos puido conseguir o equipo hoxe alaranxado o terceiro, pois nun despexe da zaga local, o balón vai ó pau, e pouco despois, queda completamente só o recén incorporado Jardel, con tempo para pensar, e mandaa á cruceta (78´).

Logo é Pinchi o que a pica ante a saída de Marcos (81´), e Legaz tamén o intenta por alto (88´). Pero fútbol é fútbol, e puido empatar o As Pontes, nunha contra cun centro chut de Alex, que empala Pardo e o balón vai fóra (92´).
Non se moveu o marcador e o Deportivo xogará o play off como terceiro clasificado con 67 puntos mentres o As Pontes acaba na metade da táboa con 49. Fixo un 2015 moi bo con 28 puntos, e un 2016 un pouco menos bo, pero logrouse a salvación que era o importante.

Quedará para o recordo a dobre vitoria (4-2 e 0-1) ante o equipo campión, o Boiro, o único conxunto que o privou de seis puntos, ademais do Choco. O equipo de Lemos venceu hoxe ó Cerceda 4-0 i é o merecido campión, e ademais deses catro partidos só perdeu ante o Depor B na primeira xornada.

Curiosidades da Liga, xogarán merecidamente o play off, aparte do campión, Cerceda con 72, Depor B con 67 e Choco con 63, recordando que fai dúas tempadas o As Pontes quedou fóra, quinto con 73, por detrás de Somozas (75), Cerceda e Boiro (74), e Pontevedra (73). Tamén, mirando a clasificación da tempada pasada, o equipo azul rematou decimo cuarto, e se ben é certo que posicionalmente acabou a un palmo do descenso, fíxoo cuns nada desdeñables 52 puntos.

Arbitrou o encontro a colexiada Zulema González, do Colexio de Vigo, que estivo ben en liñas xerais. Tamén tivo unha boa actuación o local Enrique Fornos, que pisou O Poboado coa elástica deportivista tras varias tempadas no equipo coruñés.

Oitavo triunfo do filial herculino no Poboado. Cinco empates e nove vitorias locais.

1 CD As Pontes. Souto, Hugo, Alex, Manu (Nano 61´), Dani, Adri (Chote 68´), Edi, Bossa (Rubén Pardo 54´), Santi, Cañizares, Pablo Ramos.

2 RC Deportivo B. Anxo, Blas, Lucas, Rober, Quique Fornos, Sam Piette, Óscar, Pol Calvet (Juan 77´), Otero (Jardel 72´), Corredera (Santi Taboada 61´), Legaz.

Goles: 0-1, Otero (3´), 1-1, Pablo Ramos (20´), 1-2, Blas (30´).

Campo e incidencias: Campo de O Poboado. Uns 250 espectadores en tarde soleada. Puidose ver polo campo a Adrián López “Piscu” e ó ex adestrador local Manolo García. Gardouse un minuto de silencio polo falecemento do asesor da Federación Galega, Manuel Soage.

Árbitro: Zulema González (Vigo). Auxiliada por Vázquez Martínez e Casal Fernández. Amarelas a Alex, Edi, Santi, Pablo Ramos e Lucas.

Nova cortesía de Xose Ferreiro e A.F.

También podría gustarte
Comentarios