SEGUNDA DIVISIÓN “B” DE FÚTBOL SALA: A.D.F.S. BUEU – O ESTEO F.S. (5-6)

O equipo pontés logra a salvación tras gañar en Bueu e perder o Cistierna en Valdeorras.

O Esteo logrou onte en Bueu a salvación matemática e a permanencia un ano máis na categoría.

Desprazábase a Bueu para xogar co equipo colista e xa descendido. Necesitaban gañar, e que os seus dous rivais, Benavente e Cistierna, non lograsen a vitoria.

Os ponteses comezaban gañando 0-1, pero os buenenses empataban rápido o partido. Tres tantos consecutivos dos de Suso Rey semellaba que sentenciaban o encontro. Pero un tanto en propia meta antes do descanso, e outro no comezo do segundo tempo poñían o 3-4 e metían o medo no corpo.

Pero pronto volvían a poñer terra de por medio os ponteses con outro tanto de Púas, o terceiro, 3-5, pero os locais querían deixar un bo sabor de boca á súa afección, e arriscaron con porteiro xogador, alcanzando o 5-5 con dous tantos de Alexis.

Con este resultado foi o Esteo o que necesitaba arriscar, xogando de cinco con Gerardo, e a falta de 30 segundos Ayala poñía o 5-6 definitivo.

Soprendeu e moito a vitoria do Benavente 2-6 en Noia. O equipo campión, e que levaba nove encontros seguidos gañados foi goleado na casa por un dos máis limitados da categoría. Máis serio foi o Tres Cuñados de Valdeorras, que venceu 7-6 ao Cistierna, como xa fixera aquí 4-7, aínda que non se xogara nada en ambos casos.

Queda o Esteo na decimoterceira e última praza dos que se manteñen na categoría, con 34 puntos. Descenden, en teoría, Cistierna (31), Sala Ourense (23) e Bueu (17).

FICHA DO PARTIDO

ADFS BUEU: Mauro, Alexis, Víctor, Toño, Roma –cinco inicial- Leal, Vázquez, Alex, Adri.

O ESTEO FS: Javichu, Gerardo, Héctor, Fran, Ayala –cinco inicial- Jose López, Púas, Alberto.
ÁRBITROS: Eduardo Corral Martínez, Pablo Fernández Becerra, Noemí Bello Castro (Lugo). Amarelas a Alexis, Roma e Jose López.
GOLES: Min. 3 (0-1), Héctor. Min. 5 (1-1), Adri. Min.6 (1-2), Púas. Min. 8 (1-3), Púas. Min. 12 (1-4), Alberto. Min. 16 (2-4), Púas, en propia meta. Min.26 (3-4), Toño. Min. 27 (3-5), Púas. Min. 34 (4-5), Alexis. Min. 38 (5-5), Alexis. Min.39 (5-6), Ayala.
INCIDENCIAS: Trixésima xornada e última de liga do grupo primeiro da Segunda División B, no Pavillón Municipal Pablo Hervello (ex xogador de balonmán), ante uns 100 espectadores.

Nova cortesía de Xose Ferreiro e A.F.

También podría gustarte
Comentarios