TERCEIRA DIVISIÓN. RACING CLUB VILALBÉS 2 – CD AS PONTES 1

O As Pontes plantou cara no derbi ante o terceiro clasificado, pero foi vitima dun pésimo comezo de encontro.

O As Pontes plantou cara no derbi ante o terceiro clasificado, pero foi vitima dun pésimo comezo de encontro.

Triste derrota do CD As Pontes 2-1 no derbi ante o veciño Racing Vilalbés. Un comezo de partido desastroso deu ó traste con calquera aspiración de vitoria.

O conxunto pontés comezou moi mal, e así, na primeira xogada, nun desbaraxuste defensivo marcha só Gerardo encarando a Paco, e a Prieto non lle queda máis remedio que entrarlle por detrás, co conseguinte penalti, e por riba, lesión do xogador azul.

Iso supuxo o debut de Troncho, habitual media punta, pero que hoxe actuou no lateral dereito. O xogador pontés levaba varios meses adestrando ás ordes de Marco Roca, pero non podía xogar por mor das súas obrigas laborais da fin de semana.

Marcou a pena máxima Gerardo (2´). Pero por si fora pouco, na seguinte aproximación do cadro local, nun centro chut dende banda dereita, o balón peta no longueiro, acaba nos pes do extremo esquerdo, que colga a área, e libre de marca remata de cabeza a pracer Gerardo facendo o 2-0 (6´). Dúas chegadas, dous goles. Moi mal se poñía o panorama. Ademáis o xogador asturiano meteulle os tres goles esta tempada ó equipo pontés e xa suma trece na Liga.

Pero cando semellaba que todo ía encamiñado a un descalabro coma o de Cangas, o bravo capitán Edi voltou a marcar de falta coma a semana anterior recurtando distancias (9´). O fillo de Recemel xa suma 7 dos 17 tantos do conxunto pontés.

Noutro centro á area non mide ben o salto David González, quedando só un xogador local e salvando Paco (15´).

Sacudiuse un pouco a presión o equipo visitante, e tras unha gran internada de David por banda dereita, que alcanza a liña de fondo, o seu centro non atopa rematador (27´).

Xa preto do descanso, tras un centro dende banda esquerda, cabecea Fran Cortés na área pequena, e salva milagrosamente Marcos Souto (41´). O porteiro, fillo de Momán, xunto a Alex Cabarcos e Sergio Arias, son os tres ex xogadores azuis que hoxe foron titulares.

Antes de rematar o primeiro período gol anulado ó ferrolán Pablo Ramos por dubidoso fóra de xogo (42´).

No segundo período, voltaron a comezar con máis brío os de Gilsanz, e Jose Varela escápaselle a Edi entrando dende o segundo pau, e salva Paco (47´). O mesmo lle sucedeu a Troncho ante Arias, pero volveu a atallar o meta ferrolán (62´).

Co paso dos minutos o As Pontes queimaba as naves, entraba Ibu por un pouco participativo Caique, pero non lograban crear grandes xogadas de perigo a pesar dalgunha aproximación de Cortés. Pola súa banda o Vilalbés tentou aproveitar as contras e a maxia de Gerardo, pero tampouco atinou entre os tres paus.

Sufriu moito o cadro local, a pesar da diferencia de puntos na táboa clasificatoria, para lograr unha vitoria moi traballada. O As Pontes segue sen gañar unha xornada máis, e cos seus dous triunfos en vinta e tres partidos.

Duelo interesante a vindeira semana en Dubra, xa que o equipo local tampouco ten moi boa racha pois nas derradeiras dez xornadas apenas sumou dous empates. Ambos están igualados a 14 puntos e na ida o resultado foi de 1-1.

Pola súa parte o Vilalbés segue terceiro con 45 puntos, antes de visitar ó Choco en Redondela, que marca a criba da salvación.

No decimo oitavo duelo oficial en Vilalba, sétimo triunfo local, polas sete vitorias pontesas e catro empates.

2 Racing Club Vilalbés. Marcos Souto, Alex Cabarcos (Rubén Gómez 70´), Alex, Hugo, Xusto, Javi Varela, Jose Varela, David García, Sergio Arias (Arón 80´), Gerardo (Dani Montes 91´), Villares.

1 CD As Pontes. Paco, Prieto (Troncho 5´), Buyo, Edi, Abraham, Callón, Pablo Ramos, Caique (Ibu 70´), Fran Cortés, David González (Diego Núñez 90´), Rubén Pardo.

Goles: 1-0, Gerardo, de penalti (2´), 2-0, Gerardo (6´), 2-1, Edi (9´).

Árbitro: Daniel García Lesta (Pontevedra). Auxiliado por Pérez Carmuega e Ramos Nogueira. Amarelas a Alex Cabarcos, Edi e Pardo.

Campo e incidencias: Campo de A Magdalena. Uns 200 espectadores, en tarde encampotada pero pouco chuviosa.

Nova cortesía de Xose Ferreiro e A.F.

También podría gustarte
Comentarios