TERCEIRA DIVISIÓN: NARÓN BP 0 – CD AS PONTES 1
Victoria visitante nun derbi descafeinado que deixa ó As Pontes momentáneamente quinto con 50 puntos, mentres o Narón desgraciadamente é colista con 16 e casi matemáticamente está en Rexional Preferente.
Foi un partido triste como o xogado hai catro días ante o Céltiga dos que non gusta xogar. Afortunadamente o As Pontes, ó contrario que a tempada pasada, suma 50 puntos, e ten que aspirar nos sete encontros que restan, a acabar a Liga o máis arriba posible, anque por desgracia os puntos que sobren non se poden acumular pra a tempada que ven.
Toca felicitar ó presidente Xaime Castro, á directiva, a Manolo, ó corpo ténico e ós xogadores.
Nun encontro no que non parou de chover nos 90 minutos comezou dominando o cadro local, que contaba nas súas filas cos ponteses Cabarcos e Carballeira, asi coma o fillo de Momán, Marcos Souto, que non puido actuar na portería ó estar lesionado, pero conforme pasaban os minutos os visitantes sacudironse o dominio e así Bossa lanzou unha perigosa falta no 28´.
Adiantouse o As Pontes na primeira metade, no 33´, un saque de esquina botado por Bossa co seu guante, e Nano, sen deixala caer, na zona do punto de penalti, empala ó segundo pau e acaba o balón no fondo das mallas. Ós seus 36 anos o bravo xogador marca o seu terceiro gol da tempada ante o equipo no que xogou durante 14 anos.
Antes de rematar a primeira metade, no 38´, taconazo de Dieguito para Domínguez e ó seu perigoso centro non chega Amado.
No segundo tempo outra combinación entre Bossa e Domínguez acaba nos pes de Amado e o seu remate vai lamendo a escadra (61´).
Complicouselle o encontro ó As Pontes coa rigurosa expulsión de Esmorís por dobre cartón no 63´, quedando trinta minutos por diante cun xogador menos.
Pero curiosamente apenas dous minutos despois Amado regatea, conduce, prantase so ante Jose Ramón e este sacou un gol cantado cunha man providencial.
Chegaron os mellores minutos pra os locais, destacando un centro chut do ex pontés Coedo (66´) e a máis clara, no 74´, nun balón que lle deixan en franquía a Santi no borde da área pero o seu disparo salvao Kiko.
Iván González rematou dende fóra da área preto da escadra no 86´ e xa no desconto (91´) puido marcar Arias, que recibe un pase maxistral de Cañi, pica ante a saída do porteiro e o balón pega na cruceta pola parte interna e pasease pola área local sen atopar rematador.
Sen tempo pra máis o As Pontes soubo conservar a mínima vantaxe e levouse os tres puntos nun triste e chuvioso derbi que agardemos que se volva a repetir dentro de dúas tempadas, iso si, na mesma categoría.
A falta de setes xornadas queda o As Pontes na quinta posición con 50 puntos á espera de que se complete a xornada o domingo. Por diante estarían os catro equipos da fase de ascenso, Racing de Ferrol 79, Celta B 62, Compostela 56 e Deportivo B 54. Pontevedra ten 49 e Ordes 48, ambos cun partido menos, e precisamente os da capital do Lérez visitan o Poboado a vindeira fin de semana.
0 Narón BP. Jose Ramón, Agustín, Cabarcos, Alberto, Justo, Óscar (Coedo 55´), Juanito, Cholo, Carballeira, Queijeiro, Diego (Santi 55´).
1 CD As Pontes. Kiko, Hugo, Jorge Nano, Pablo López, Rochela, Esmorís, Dieguito (Cañi 68´), Bossa, Eloy (Sergio Arias 79´), David Amado (Iván González 68´), Pablo Domínguez.
Campo e incidencias: Campo de Río Seco. Uns 300 espectadores en tarde moi chuviosa. Moitos visitantes.
Árbitro: Jose Luis González Sobrado. Auxiliado nas bandas por Adrián Díaz González e Jorge Correia Caballero (Vigo). Amonestou a Justo, Óscar, Bossa. Expulsou con dobre amarela a Esmorís no 63´.
Goles: 0-1, Jorge Nano (33´).
Nova cortesía de Xose Ferreiro e A.F.