TERCEIRA DIVISIÓN: C.D. AS PONTES PONTEVEDRA C.F. (1-3)
Demasiado premio para un Pontevedra que se alzou cos tres puntos ante un As Pontes que mereceu algo máis neste choque, cando menos o empate, no que sorprendeu a presenza no campo do Poboado dun significativo número de membros da Garda Civil para vixiar a seguridade do partido. O encontro estivo condicionado polo penalti sinalado polo colexiado a pouco de iniciarse o encontro que veu precedido dun posible fóra de xogo dun dianteiro do Pontevedra e polo segundo tanto granate noutro máis claro fóra de xogo de Stefan, que marcou por alto. Hai que recoñecer que o Pontevedra, sabendo o que se xogaba no partido, saíu moi concentrado e nos primeiros instantes presionou ós xogadores locais en cada palmo do terreo de xogo.
Co 0-2 en contra o As Pontes comezou a facerlle fronte ó rival, tendo a súa primeira ocasión nun cabezazo de Cañi que se vai fóra por pouco. Respondeu de seguido Stefan nun disparo que detivo Kiko. No minuto 21 Cañi enviou ó longueiro un balón dende a banda dereita na mellor ocasión do As Pontes nestes primeiros corenta e cinco minutos.
A segunda parte foi de dominio dos ponteses sobre un Pontevedra que se limitou a desbaratar os ataques dos locais, dada a súa vantaxe no marcador e ó que tamén lle pesaba o esforzo da primeira metade. Bossa foi quen tivo a primeira ocasión para inaugurar o marcador para o As Pontes. Sen embargo, cando mellor estaba xogando o As Pontes chega o terceiro tanto do Pontevedra nun lanzamento dende a banda dereita de Jacobo que bota preto da portería e logo peta no poste e entra na porta sen que nada poida facer Kiko.
O As Pontes seguiu insistindo e a entrada de Dieguito e Eloy deu outro aire ó ataque pontés e así tivo o seu merecido premio nunha xogada destes dous xogadores. Centro de Dieguito dende a banda dereita e Eloy empalma ó fondo da rede. Antes Sergio Arias mandou un forte disparo un pouco alto e xa nos derradeiros minutos o As Pontes tivo boas ocasións para reducir diferenzas no marcador, e incluso para empatar o encontro, por medio de Dani e xa no derradeiro minuto nun centro de Eloy ó que non chegaron por pouco Pablo López e David Amado.En definitiva, vitoria dun Pontevedra, que deberá traballar para meterse nos postos de promoción dos que o separan dous puntos da cuarta posición, diante dun As Pontes que segue na sexta praza e mereceu neste choque cando menos o empate.
FICHA DO PARTIDO
CD AS PONTES: Kiko, Rochela, Nano, Chote (Eloy, 69), Pablo López, Dani, Iván (Amado, m. 72), Bossa, Sergio Arias, Cañi (Dieguito, m. 63) e Pablo Domínguez.
PONTEVEDRA CF: Lloves, Juncal, Adrián, Pablo, Iago Vázquez, Emilio (Iago Paz, m. 75), Tubo, Jacobo (Cristóbal Domínguez, m. 88), Santi Domínguez, David Pérez e Stefan (Buba, m. 78).
ÁRBITRO: Francisco Xabier Rodríguez Campos, da delegación da Coruña, mal asistido nas bandas por Pérez Montouto e Gándara Bello, sobre todo do asistente que cubría a banda da tribuna vella. Tarxetas amarelas a Kiko, Iván González e Bossa, do As Pontes, e Juncal e Jacobo, do Pontevedra.
GOLES: Min. 7 (0-1), Santi Domínguez, de penalti. Min. 11 (0-2), Stefan. Min. 63 (0-3), Jacobo. Min. 75 (1-3), Eloy.
INCIDENCIAS: Partido de Terceira División disputado no campo do Poboado, en tarde chuviosa e con moito frío, con asistencia de preto de 300 espectadores nas gradas, con presenza de seguidores pontevedreses, deixándose notar unha ducia de afeccionados da peña Furya Granate, que durante todo o partido animou ó seu equipo, cunha corrección e deportividade exquisitas.
Nova cortesía de A.F.